Os catro representantes (BNG,PSdeG, AV e EU) esta mañá no primeiro encontro na Cámara Agraria da comisión negociadora.

A esquerda de Cangas xa deu o primeiro paso para conformar un goberno. Esta mañá un representante de BNG, outro de PSdeG, tamén de Alternativa dos Veciños e de EU sentáronse na Cámara Agraria nunha breve reunión para marcar a folla de roteiro dos seguintes encontros e temas que irán abordando. E, segundo traslada a Morrazo Noticias Óliver Álvarez en nome da comisión negociadora das catro forzas políticas, a sensación foi positiva porque «todos manifestaron a súa intención de conformar un goberno de unidade» con Araceli Gestido como alcaldesa. «Ese é o acordo histórico e imos respectalo porque o BNG foi a forza máis votada. O pobo de Cangas decidiu que tiña que ser un goberno de coalición», manifestou o interlocutor nacionalista que tamén aclarou que polo momento non houbo «liñas vermellas» por parte de ningunha forza política. «Entendemos que hai unha nova oportunidade e hai que aproveitala para que non goberne a dereita», apostilou.

«Todas as forzas estamos polo labor de buscar un goberno mediante o diálogo, que refresque a política e que antepoña os intereses dos veciños aos dos partidos e neste sentido todos manifestaron a súa intención de apoiar a investidura de Araceli como alcaldesa», engadiu.

O luns, nova reunión

O vindeiro luns ás 11 horas e no mesmo lugar celebrarase o segundo encontro desta comisión negociadora, que hoxe puntualmente tivo ao socialista Eugenio Piñeiro como representante do PSdeG en substitución de Hugo Fandiño. A partir de aí elaborarase un calendario en función das necesidades para, en primeiro lugar, acordar os «principios básicos» do acordo e a partir de aí «traballar as áreas para despois elaborar o organigrama». «Cando teñamos todas as áreas definidas veremos cal é a forza política e a persoa máis adecuada para cada unha delas», explicou Óliver Álvarez.

O seguinte escalón será confeccionar os órganos colexiados do Concello de Cangas para o próximos catro anos, como o número de comisións e cando se realizarán. Por último, chegará a parte económica, repartición de dedicacións exclusivas e parciais, e asignacións de asistencia para os grupos municipais.

T

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *