A deputada provincial Isabel Couselo recorreu ambas estradas nas que se están a desenvolver actuacións para renovar o pavimento e mellorar a plataforma
A Deputación de Pontevedra está a executar os traballos de conservación e mellora do firme nas estradas provinciais EP-1304 Bueu-Igrexario de Cela e EP-1305 Igrexario de Cela- Outeiro no Concello de Bueu. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu un tramo de máis de un quilómetro de ambas estradas nas que se está a actuar ao abeiro do acordo marco de conservación de firmes na rede viaria da Deputación, que ascende a 4,5 millóns de euros.
Segundo destacou Couselo, as obras de conservación e mellora de firme que se están a realizar nestas estradas ao seu paso polo termo municipal de Bueu teñen por obxectivo manter a capacidade portante do firme, coa renovación da capa de rodadura con aglomerado en quente que vai permitir solucionar as degradacións, deformacións ou fisuras. Ademais do firme, a actuación na EP-1304 Bueu-Igrexario de Cela e na EP-1305 Igrexario de Cela-Outeiro contempla a reposición da sinalización horizontal e da drenaxe.
Isabel Couselo lembrou que estas obras inclúense no acordo marco de obras de conservación de firmes que ascende a 4,5 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa Bueu, o lote 4, supón un investimento de case 1,1 millóns de euros. No marco deste lote, xa se actuou en diversos tramos das estradas provinciais EP-0004 Marcón-Pintos-A Reigosa (Pontevedra), na EP-0011 Gatomorto-As Augas (Pontevedra), EP-0103 N-550-Lago de Castiñeiras (Vilaboa), EP-1008 Hío-Vilanova (Cangas), na EP-8202 Souto-Cequeril (Moraña) e na EP-1201 Marín-Penizas. Ademais, está previsto que proximamente se inicien actuacións nas estradas provinciais EP-1006 O Hío-Donón (Cangas), EP-1007 Acceso á praia de Nerga (Cangas), EP-1008 O Hío- Vilanova (Cangas) e EP-1103 San Benito-Domaio (Moaña).