A Alameda Vella de Cangas acollerá esta fin de semana o V Campionato Aberto Solidario de Petanca, cuxa recadación se doará á Asociación Española Contra o Cancro AECC para o financiamento de programas destinados ás persoas que sofren esta enfermidade no municipio e que os reciben de forma gratuíta. Os interesados en participar, xa son 90 persoas de 24 equipos da provincia, só terán que facer un donativo na súa inscrición.
O que empezou como unha «pachanga de amigos», explicou Raúl Cerna, presidente da agrupación local da AECC en Cangas, converteuse nunha cita imprescindible para os afeccionados á petanca, o que lle permite «dar visibilidade» á asociación «para que a xente coñeza os nosos servizos gratuítos». Durante 2021 atenderon só neste municipio a 208 persoas.
Conta co apoio do Concello e, particularmente, da súa alcaldesa, Vitoria Portas, que explicou que este ano se realizará na Alameda Vella para «darlle máis uso» e mellorar o «desfrutar e a visibilidade» deste evento.