O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo presenta a campaña de sensibilización ambiental “Paisaxes resilientes contra o lume: O momento é agora!”, unha iniciativa que pon o foco na resiliencia paisaxística como ferramenta clave de prevención fronte aos incendios
forestais.

A campaña parte da evidencia científica e técnica que conclúe que a maior parte dos grandes incendios están asociados a paisaxes homoxéneas, degradadas, con elevada continuidade horizontal e vertical do
combustible, resultado do abandono rural, da fragmentación da propiedade e da expansión de monocultivos forestais altamente inflamables.

Un modelo de prevención baseado na infraestrutura verde

A mensaxe central da campaña é que a prevención non pode fundamentarse únicamente nos medios de extinción, senón na planificación paisaxística e na creación de infraestruturas verdes de autoprotección, capaces de:
— reducir a probabilidade de ignición,
— limitar a velocidade e intensidade da propagación,
— mellorar a seguridade das comunidades,
— e acelerar a recuperación natural post-incendio.

Esta perspectiva integra factores ecolóxicos, socioeconómicos e territoriais, acorde coas máis recentes recomendacións de planificación forestal e adaptación ao cambio climático.

Liñas estratéxicas da resiliencia paisaxística

A campaña estrutura a súa mensaxe en catro eixos fundamentais:

  1. Configuración de paisaxes mosaico
    Fragmentación planificada das grandes masas forestais mediante pradeiras, cultivos, arborado autóctono, faixas abertas e espazos multifuncionais que reducen a continuidade do combustible e melloran a accesibilidade.
  2. Diversificación forestal e silvicultura preventiva
    Integración de especies autóctonas menos inflamables, cortes estratéxicos, xestión do sotobosque e modelos silvícolas orientados á resiliencia, biodiversidade e estabilidade estrutural.
  3. Integración de agricultura e gandería extensiva
    Uso de pastoreo, cultivos e zonas agrícolas como ferramentas de xestión do combustible, reforzando o tecido socioeconómico rural e contribuíndo á prevención activa.
  4. Ordenación territorial e planificación da interface urbano-forestal
    Creación de faixas de protección, corredores verdes, infraestruturas de baixa inflamabilidade, planificación de usos do solo e gobernanza cooperativa da paisaxe.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *