Un camión baixando pola PO-313 a pouca distancia dos veciños que camiñan polo marxe do vial.

Farano mediante unha proposición non de lei que presentará o PSdeG a través da súa deputada Leticia Gallego, que hoxe visitou a zona para comprobar como se arriscan os veciños cada día

A asociación de veciños de Broullón, en Moaña, eleva ao Parlamento de Galicia a súa demanda de dotar á estrada autonómica PO-313 dunhas beirarrúas e uns pasos de peóns que lles permitan poder camiñar por este vial, que divide o barrio en dous, dunha forma máis segura. Actualmente, teñen que facelo poñendo mil ollos e con toda a precaución do mundo para evitar que os vehículos que circulan por esta arteria a gran velocidade poidan atropelalos. Non existe ningún paso de peóns a pesar de que hai numerosas vivendas unifamiliares e servizos a ambos os dous lados da estrada.

«Eu non podo mandar ao meu fillo de 12 anos a que tire o lixo porque é inviable», comentaba unha nai esta mañá á deputada socialista Leticia Gallego, que xunto á portavoz do grupo municipal do PSdeG, Marta Freire, e o resto de concelleiros do partido comprobaron de primeira man o que ocorre no tramo comprendido entre Sabaceda e o miradoiro da Fraga. «Vin porque quería comprobar que é moi perigoso», manifestou a deputada aos veciños concentrados no lavadoiro de Broullón.

A deputada socialista coa portavoz do grupo municipal, os concelleiros e o secretario general do PSdeG de Moaña durante o encontro cos veciños no lavadoiro de Broullón.

Gallego comprometeuse a levar á volta das vacacións unha proposta non de lei e unhas preguntas á Cámara galega para «iniciar inmediatamente a redacción dun proxecto de construción da senda peonil e ciclista» nesta estrada autonómica, a «instalación urxente de pasos de patones en Broullón» e a inclusión de «medidas para a mellora da accesibilidade tanto nesta como no resto das estradas autonómicas do Concello de Moaña. Ademais, defenderá outras actuacións que axuden a reducir a velocidade en cumprimento do Regulamento de circulación. Do mesmo xeito que xa fixeron en 2021, desde o PSdeG volverán pedir ao goberno autonómico que reserve unha partida nos orzamentos de 2023 para a construción destas melloras da seguridade viaria na PO-313 ao seu paso por Moaña.

Non é a primeira vez que o PSdeG, en representación dos veciños, demanda esta actuación na PO-313. Xa en 2021 presentou unha moción no pleno municipal que contou co apoio de todos os grupos da corporación. Un acordo ao que a Xunta contestou alegando que neste vial «o número de accidentes mortais que hai non está dentro dos cocientes que eles contemplan para levar a cabo estas medidas», explicou Freire.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí