Atasco na saída de Bueu por Pazos Fontenla.

Os taxistas de Bueu cansáronse e ameazan con folga. O peche da rúa Montero Ríos os días de mercadillo desde fai case tres anos e a instalación dos semáforos en Pazos Fontenla nas últimas semanas son os motivos que teñen o ambiente moi caldeado no sector do taxi local. «Onte foi un colapso total», afirman, «e o alcalde non fai nada». «Xa llo dixemos ao alcalde nas reunións, a última en xuño, e díxonos que ían habilitar unha rúa para que nós puidésemos circular pero todo quedou nunha idea no aire», reprochan. Advirten de que «non se pode paralizar un pobo polo mercadillo».

O problema comezou cando o Concello, por mor do Covid-19, decidiu pechar ao tráfico a rúa Montero Ríos, no tramo da praza, os luns e xoves, días de mercado. Iso provocou un cambio tamén na parada de taxi e que o tráfico de saída sexa obrigatoriamente cara á rúa Matilde Bares, que non está preparada para iso. Teñen que circular por viais estreitos dun só sentido en dirección contraria (detrás do Centro Social), o que lles provoca situacións complicadas para poder desprazarse.

A isto súmase a instalación de semáforos na intersección entre Pazos Fontenla e Johan Carballeira, que complica aínda máis a circulación polo centro do municipio con atascos que chegan ata Beluso. Aseguran que nun traxecto que podería durar 10 minutos tardan 1,5 horas, o que repercute no custo da viaxe para o cliente que, en lugar de pagar 4 euros de media ten que abonar 6. «Como lle explicas a un cliente que non culpa nosa? Eles tamén che contestan que tampouco é a súa culpa e por tanto non teñen porqué asumir esa diferenza», manifestan. Isto sumado aos danos mecánicos que se producen no vehículo coas continuas paradas e arrancadas. «Queimas máis embrague en 15 días que en 5 anos», quéixanse.

Por todo isto, tomaron a decisión de que, se por parte do Concello non se soluciona, realizarán paros mantendo os seus taxis na parada de Montero Ríos os días de feira, luns e xoves.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí