Ante a evolución da pandemia o comité organizador do Festival Intercéltico do Morrazo decidiu optar por celebrar esta edición co público sentado gardando as debidas medidas preventivas fronte a Covid 19, así o aforo queda limitado a 592 persoas que poderán desfrutar do mellor da música folk ao vivo e sen custe.
Pensando tamén naquelas persoas que non poidan vir a desfrutalo en Moaña, o festival será retransmitido en directo en streaming a través da páxina de Facebook do Festival Intercéltico do Morrazo e tamén pola canle Tolemias.tv
A partir das 10h do sábado 24 de xullo as persoas que desexen reservar os seus asentos poderán facelo na Oficina de Turismo (sita nos xardíns do Concello). Cada persoa poderá reservar para un máximo de 6 asistentes a cada concerto, as cadeiras disporanse de 2 en 2, polo que cada entrada será para 2 persoas. Os concertos trataranse de maneira independente, de maneira que son as espectadoras as que elixen a cales asisten.
Horario Oficina de Turismo:
Luns: pechada
Martes: 17.00h-20.30h
Mércores, Xoves, Venres: 10.30h-14.00h e 17.00h-21.00h
Sábado: 10.00h-14.00h e 17.00h-20.30h
Domingos e festivos: 10.00h-14.00h
A partir do domingo 25 de xullo ás 17h ábrese tamén a posibilidade de reservar os convites a través da plataforma Enterticket.es, mentres se mantén a posibilidade da reserva na Oficina de Turismo en aras de facilitar o acceso a aquelas persoas que non dispoñan de habilidades/medios dixitais.