A Xunta impulsa obras por máis de 5,2M€ para a renovación de colexios e institutos de Cangas, Moaña, Bueu, Marín e Vilaboa
Os centros educativos do Morrazo están a experimentar unha gran modernización a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que a Xunta de Galicia dá pulo á renovación de colexios e institutos co obxectivo de adaptalos ás novas necesidades do ensino do século XXI. Este plan inclúe máis dunha trintena de actuacións na zona, cun investimento total de 5,2M€ desde 2021, cando foi aprobado.
A actuación de maior envergadura é a rehabilitación integral do Colexio CEIP de Seara, en Moaña, cun orzamento de 860.000€. Esta obra incluíu tanto a mellora da envolvente térmica do centro, co illamento da fachada e o cambio de fiestras e persianas, como o cambio de luminarias ou melloras nos aseos, entre outras intervencións. Tamén en Moaña, renováronse as luminarias do Instituto IES As Barxas, cun investimento de 72.000€ e acometéronse as melloras necesarias na cuberta da Escola de Educación Infantil do Con, tras o recente temporal (120.000€).
O mesmo fenómeno meteorolóxico causou tamén importantes desperfectos nas cubertas dos institutos IES de Rodeira e María Soliño, en Cangas, en cuxa reparación a Consellería de Educación investiu preto de 800.000€. Os centros educativos deste concello foron tamén obxecto de diferentes intervencións, como o cambio de cuberta nos colexios CEIP Nazaret (170.000€) e CEIP Plurilingüe da Espiñeira-Aldán (130.000€), a renovación da iluminación do IES María Soliño (97.000€) ou a mellora da accesibilidade do CEIP Plurilingüe de San Roque de Darbo (95.000€).
No caso dos centros de Bueu, acometeuse tamén o cambio de luminarias nos institutos Illa de Ons (61.000€) e Johan Carballeira (155.000€), así como o cambio de fiestras no CEIP Plurilingüe Montemogos (283.000€). No que atinxe ao Centro Público Integrado CPI do Toural, en Vilaboa, realizáronse melloras sectoriais cun investimento de 145.000€. Entre outras tarefas, mudáronse as fiestras e reparáronse varias zonas da cuberta.
Rehabilitación e melloras sectoriais en Marín
O Plan de nova arquitectura pedagóxica inclúe tamén importantes melloras nos centros de Marín. A máis importante delas, cun investimento de case 825.000€, é a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe de Sequelo-Marín, que abrangueu tanto o cambio de cuberta como o illamento térmico da fachada, o cambio das fiestras, persianas e luminarias ou traballos de pintado, entre outros. Esta intervención está neste momento a completarse coa instalación dun ascensor, cun orzamento de 175.000€.
Entre as intervencións máis importante destacan tamén o cambio de cubertas do CEIP do Carballal (500.000€), o cambio de fiestras e reparación de linteis do IES Chan do Monte (256.000€) e a renovación da iluminación do IES Mestre Landín (65.000€). Ademais, no marco da segunda fase do plan, que se estende ata 2028 están previstas obras de mellora nos CEIP do Seixo e Plurilingüe da Laxe, pendentes aínda de programar.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
A través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, cun orzamento de preto de 500M€, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a renovar e modernizar os centros educativos ante as necesidades do novo ensino do século XXI, con espazos máis amplos, versátiles flexibles e multidisciplinares.
Esta folla de ruta inclúe a construción de novos centros, de ampliacións e de eficiencia enerxética, con actuacións como cambios de cuberta, illamento térmico das fachadas, renovación de fiestras, falsos teitos e luminarias, instalación de placas fotovoltaicas e centrais de biomasa ou melloras na accesibilidade (colocación de ascensores, construción de ramplas…).
Así mesmo, execútanse obras de pequena e mediana envergadura orientadas a mellorar as instalacións dos centros e os seus servizos. Abrangue desde tarefas de pintado ata reformas de aseos, pequenas melloras de accesibilidade, obras de humanización ou arranxos de patios, entre moitas outras.