Revelan que, dentro do propio BNG, hai voces contrarias a un incremento tan esaxerado e alertan de que esta medida pode producir peches de comercios, bares e negocios e unha regresión económica

Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de reclamarlle ao BNG que rectifique no seu intento de acometer unha “suba brutal” na taxa de limpeza e recollida de lixo, que oscila entre o 90% das vivendas ata o 600% dalgúns negocios, e pídenlle que escoite o “clamor social” contra esta medida, manifestado unánimemente por todos os colectivos socioeconómicos da bisbarra e apoiado por milleiros de sinaturas.

De feito, os populares indicaron que o rexeitamento dunha suba tan esaxerada está a xerar fortes discrepancias no seo do propio Bloque, xa que os tres alcaldes de Cangas, Moaña e Bueu manteñen posturas diferentes sobre este asunto, polo que lles piden que as resolvan, paralizando a suba e abrindo un período de negociación de diálogo con tranquilidade. “Dentro do BNG hai voces contrarias a un incremento tan esaxerado do lixo, pero lamentablemente eles tragan co que deciden os que mandan e non alzan a voz. Non é de recibo que tenten aprobar este asalto aos petos dos veciños cando moitos deles nin sequera están de acordo”, manifestaron os voceiros Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.
“Que se municipalización do servizo si, que se municipalización non; que se suben as taxas un pouco ou que se as suben moito; que se o servizo hai que melloralo… que se aclaren antes de nada e que se tomen este en serio porque pode facer moito dano no Morrazo. Porque estiveron anos co tema parado e agora botan a correr, cunha medida de fuxida cara adiante que é a máis fácil de todas, espetarlle aos veciños o custe da súa incompetencia de xestión neste asunto”, sinalaron.

Neste senso, o PP comarcal, que agarda que se o BNG non rectifica polo menos o PSOE e EU –cuxos votos son clave na asamblea xeral do luns para chegar á maioría absoluta que se precisa e non ten o Bloque– “atendan a razóns e escoiten ao pobo e tumben esta proposta”, xa que do contrario advirten que se van producir peches de comercios, bares e outros negocios polo forte impacto desta taxa e que O Morrazo poderá entrar nunha fase de certa regresión económica e menor actividade e dinamismo.

Os populares engadiron que os intentos dos BNG de paliar o descontento veciñal falando de descontos por reciclaxe e de bonificacións para diversos sectores da poboación “son unha auténtica mentira e eles mesmos o saben, xa que hai aínda menos bonificacións que ata a data e que apenas beneficiarán a unha minimísima parte dos 30.000 contribuíntes do lixo, mentres que o da redución da tarifa pola
separación de residuos non o cren nin eles porque nin o controlaron nin o van a controlar, só lles dá para un titular ecoloxista”.

“O PP é un partido razoable e serio e no Morrazo, ata quen non nos vota sabe que os que o representamos somos xente sensata coa que se pode falar, así que lle reclamamos ao BNG que pare isto, que aínda esta tempo, e que aposte polo diálogo e por buscar serenamente un consenso. Lembrámoslle tamén que representamos a case tantos morracenses coma eles –11.693 fronte 11.885 persoas que votaron ao Bloque en 2023–, polo que temos un peso importante que non pode esquecer, así que pedímoslles que abandonen a súa unilateralidade que vai contra o sentir unánime da cidadanía e que se senten a falar”, concluíron os representantes do PP.
comarcal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *