O PP de Cangas en primer plano frente ao goberno local.

Esixen responsabilidades á alcaldesa por non intervir ante estas palabras e aos edís que as aplaudiron, e piden que se precinten as instalacións de Rodeira se o goberno as considera un perigo real para os usuarios

O Partido Popular de Cangas lamentou hoxe profundamente as desafortunadas declaracións realizadas polo concelleiro de Deportes, Eugenio González Fernández, durante o último Pleno ordinario, nas que culpabilizaba a persoas de orixe marroquí e peruana do estado das instalacións deportivas de Rodeira. Os populares quixeron mostrar publicamente a súa total solidariedade cos colectivos mencionados, deixando claro que esas palabras «están moi afastadas do modelo de convivencia, integración e respecto que define á inmensa maioría dos veciños e veciñas de Cangas».

Desde as filas populares analizan o ocorrido non só como un grave erro nas formas, senón como un síntoma da incapacidade do goberno local. «Estamos ante un torpe intento do executivo tripartito de tapar a súa responsabilidade na nefasta xestión das instalacións deportivas municipais. No canto de asumir que as pistas caen a anacos porque non invisten en mantemento, deciden botarlle a culpa á xuventude que fai uso delas e ás persoas que veñen de fóra. É unha escusa tan inaceptable como reveladora da súa falta de proxecto», sinalan.

O grupo maioritario da Corporación quixo contextualizar a gravidade do ocorrido subliñando que estas declaracións producíronse, ademais, xusto despois de que o Partido Popular preguntase pola situación do novo regulamento das instalacións, un documento que estaba practicamente finalizado e do que o goberno segue sen dar conta.

Neste sentido, desde as filas populares esixen responsabilidades directas á alcaldesa, do BNG, por permitir este tipo de declaracións intolerables no salón de plenos sen chamalo á orde nin reconvir a súa actitude, así como ao resto de concelleiros do goberno tripartito que chegaron a aplaudir estas palabras. «É inaudito que a máxima responsable do Concello cale e outorgue ante unhas manifestacións que atentan contra a convivencia, demostrando que están dispostos a calquera cousa con tal de non falar da súa nefasta xestión», denuncian.

Para o principal partido da oposición, o foco do debate debe volver ao estado ruinoso do patrimonio municipal e á falta de traballo do goberno. Os populares lembran a perigosa situación que denuncian os usuarios deste espazo deportivo, cunha enorme focha na pista que supón un risco evidente de lesións graves para calquera persoa que faga deporte no recinto. «O problema das deficiencias non é un problema de convivencia, é un problema exclusivo de xestión e mantemento por parte do Concello», advirten.

Neste sentido, os populares lembran que xa abordaron esta grave situación en varias ocasións ao longo do mandato, logrando aprobar unha moción para impedir o peche indiscriminado das instalacións. Con todo, o PP advirte hoxe de que, se o propio goberno considera agora que estas instalacións son perigosas para o seu uso debido ao seu pésimo estado, o que deben facer de inmediato é precintar as instalacións de Rodeira para evitar calquera lesión ou desgraza, en lugar de deixalas abertas mentres buscan culpables na bancada.

Desde o PP conclúen esixindo ao goberno local que «asuman as súas competencias, garantan a seguridade e poñan a punto dunha vez por todas as pistas deportivas para que os nosos mozos e mozas poidan xogar con total tranquilidade».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *