O PP do Morrazo o luns ante o Concello de Cangas.

“Minten e retorcen a realidade, porque Marín é capaz de sacar adiante o servizo, con moita máis calidade que o noso, que é o peor da provincia, cobrando 88 euros anuais por vivenda”, sinalaron, antes de lamentar a falta de diálogo e de democracia por vetar o acceso ao pleno

Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo anunciaron hoxe, un día despois de que o BNG aprobara no seo da Mancomunidade, co apoio do PSOE, a suba da taxa do lixo nos concellos de Cangas, Moaña e Bueu, que emprenderá todas as accións políticas e sociais que estean na súa man contra a “suba brutal” do tributo pola recollida de residuos urbanos e que defenderá aos veciños “ata as últimas consecuencias” para tratar de deter o asalto aos seus petos, especialmente gravoso no caso dos comercios, negocios, pemes e autónomos.

Os populares aseguraron que esgotarán todas as vías posibles para tentar frear o “taxazo do BNG” coa presentación de alegacións, novas mocións ante os plenos, asesoramento aos veciños e calquera outra iniciativa de índole política, administrativa e social, xa que consideran “totalmente fóra da realidade” que se dupliquen o tributo das vivendas ou que haxa cafeterías que vaian a pagar ata 1.200 euros, comercios ata 1.700 ou restaurantes máis de 2.000.

“O Bloque non debe escoitar aos veciños nos supermercados, porque a moitos lles custa chegar a final de mes, e tampouco debe saber o traballo que hai que facer para sacar un negocio adiante, polo que non pode aprobar unilateralmente este sablazo, sen diálogo ningún, porque a moitos comercios ou bares pretenden cobrarlles polo lixo o salario mensual dunha persoa e ademais aplicando, sen previo aviso, subas que mutiplican ata por cinco ou seis a taxa actual”, sinalaron os voceiros do PP, Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.

Os tres representantes populares rexeitaron por completo as argumentacións nacionalistas de que a suba é imprescindible para mellorar o servizo, “que é o peor da provincia pola súa exclusiva incompetencia e por deixalo ir durante dez anos”, e incluso para garantilo: “Minten e retorcen a realidade, porque Marín é capaz de sacalo adiante con 88 euros anuais, o que demostra, aparte de que María Ramallo e o PP saben xestionar moito mellor que todo o BNG xunto, que é posible recoller o lixo sen sablearlle aos veciños”.

O PP morracense, que cre que onte quedaron desmontadas todas as excusas do BNG sobre Sogama -un sistema de tratamento que pode abandonar voluntariamente pero que non fan porque é o máis barato e eficiente- e sobre a lei de cobro por servizos posto que nin sequera a aplican coas novas taxas, lamentou a “postura ditatorial” do Bloque, “xa que éncheselle a boca falando de democracia, pero impedíu o acceso dos veciños ao salón de plenos, faltoulles ao respecto na sesión e tenta criminalizalos simplemente porque non lles gusta que protesten contra eles cando eles son os reis das manifestacións”.

Finalmente, os populares indicaron que a protesta, que consideran plenamente xustificada, vén derivada pola falta de diálogo, a imposición e a mala xestión do BNG no caso da limpeza e da recollida do lixo na comarca e apuntan que transcurríu “na súa inmensa maioría de xeito pacífico, aínda que condenamos, sen paliativos, algún episodios puntuais que cremos que non deben producirse para manter o clima de respecto entre todos, algo que, por certo, o BNG non fai nunca cando el mesmo impulsa situación inversas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *