Os populares anuncian que todos os concelleiros e as sedes de Cangas, Moaña e Bueu estarán a disposición dos máis de 32.000 contribuíntes para asesorarlles e colaborar na presentación das reclamacións, que se poderán formular durante 30 días hábiles ata o 3 de decembro
Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo queren animar a todos os veciños de Cangas, Moaña e Bueu a presentar masivamente alegacións contra a nova ordenanza da taxa do lixo, que recolle
incrementos do 90% para as vivendas e de ata o 600% para os negocios, co obxectivo de “facer a máxima forza e demostrar o unánime clamor social” contra esta medida para tentar deter a “suba brutal” perpetrada polo BNG na asamblea xeral da Mancomunidade celebrada o pasado día 13.
Os populares anunciaron tamén que todos os concelleiros, 22 nos tres municipios, e as sedes locais do PP nas tres localidades estarán totalmente a disposición dos máis de 32.000 contribuíntes da taxa do lixo no Morrazo durante as próximas seis semanas para asesorarlles e colaborar na presentación de reclamacións contra este “sablazo fiscal”. “Imos estar, coma sempre pero máis que nunca, a carón da xente para botarlles unha man na presentación de alegacións, pero tamén queremos convidar a aqueles que teñan claro o contido das mesmas que as presenten a nivel particular cando desexen, porque o importante é demostrarlle ao BNG a forza que ten o noso pobo, a nosa comarca, cando actúa unido”, sinalaron os voceiros Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.
Desde o PP explicouse que o anuncio do acordo da suba da taxa do lixo aprobado polo BNG co apoio do PSOE publicouse onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e hoxe ábrese o período de exposición pública e presentación de alegacións por espazo de 30 días hábiles, polo que as persoas interesadas disporán ata o 3 de decembro, inclusive, para rexistrar as súas reclamacións.
“Enfrontámonos a unha decisión inxusta e esaxerada que vai dificultar que moitas familias cheguen dignamente a final de mes e que vai provocar o peche de comercios, bares e negocios que non poden pagar, nalgúns casos, máis de 2.000 euros de taxa do lixo ao ano. Esta medida sen sentido vén derivada exclusivamente da mala xestión do lixo por parte do BNG, que deixou ir o servizo e a súa viabilidade económica durante dez anos e que agora pretende cargarlle a súa neglixencia aos veciños, e que tamén ten un voraz afán recadador para converter a nosa comarca nun inferno fiscal. Pero en todo caso, a esperanza é o último que se perde e imos defender aos veciños ata as últimas consecuencias porque cremos que se estamos todos unidos temos unha oportunidade de parala”, sinalaron os tres concelleiros do PP.

