O PP de Cangas en primer plano frente ao goberno local.

Advirten do altísimo custo desta parálise, ao non tramitar a adhesión, o BNG está a impedir que as empresas e autónomos de Cangas teñan bonificacións de ata o 95% en impostos como o IBI, o IAE ou o ICIO

O Partido Popular de Cangas denunciou hoxe un novo episodio da «parálise crónica e do desprezo á
vontade democrática» por parte do Goberno local do BNG e os seus socios. Os populares lembraron que fai exactamente un ano (no Pleno do 28 de marzo de 2025) aprobouse por unanimidade unha moción do PP para incluír a Cangas na rede de ‘Concellos Emprendedores’. 365 días despois, o executivo local non tramitou absolutamente nada, incumprindo o acordo plenario e prexudicando gravemente ao tecido produtivo da vila.

«A inacción deste goberno xa é un perigo para a economía de Cangas. Temos un tecido empresarial sostido polo esforzo titánico das pequenas e medianas empresas. Segundo os datos do IGE, das 1.885 empresas do noso municipio, 1.267 son autónomos e a inmensa maioría teñen entre 0 e 2 asalariados. É a esta xente, aos que levantan a persiana todos os días, aos que o BNG lles está a dar as costas por pura preguiza institucional», denuncian desde as filas populares.

Beneficios que Cangas está a perder

O PP de Cangas quixo debullar o «altísimo custo» que ten para o municipio que o alcalde manteña este acordo gardado nun caixón. A iniciativa ‘Concellos Emprendedores’, impulsada pola Xunta e a FEGAMP, supón vantaxes directas, reais e inmediatas para a creación de emprego e a sustentabilidade das empresas.

Ao negarse a formalizar esta adhesión, o goberno local está a bloquear directamente o crecemento do noso tecido produtivo. Na práctica, a súa parálise impide que as empresas e persoas emprendedoras poidan beneficiarse de rebaixas de ata o 95% en impostos fundamentais como o IBI, o IAE e o ICIO á hora de implantar ou ampliar os seus negocios. A isto súmase a negativa a simplificar a burocracia municipal, evadindo o compromiso de conceder licenzas de obra maior nun prazo máximo de 30 días, o que eterniza os trámites para calquera que desexe investir no noso pobo. Por se fose pouco, o feito de quedar fóra desta rede castiga tanto ao propio Concello como aos autónomos e pemes, facéndolles perder puntos vitais na discriminación positiva que establece a Xunta nas súas ordes de concorrencia competitiva, o que pon en grave risco a captación de subvencións autonómicas cruciais.

Cangas, illada mentres o resto de Galicia avanza

O grupo maioritario da Corporación, a situación clama ao ceo se se compara co resto do territorio. Na actualidade, xa son 164 os concellos de toda Galicia (24 deles na provincia de Pontevedra) que forman parte desta iniciativa.

«Mentres outros concellos buscan calquera ferramenta útil para facer dos seus municipios lugares onde sexa máis fácil emprender e xerar emprego de calidade, en Cangas temos un goberno dedicado a pór paus nas rodas», subliñan os populares. «Xa denunciamos hai uns días que eran incapaces de xestionar e pedir millóns de euros en axudas para obras e servizos. Agora demostran que tamén son un obstáculo para que os nosos propios veciños e emprendedores poidan acceder a eses fondos».

Desde o PP de Cangas esixen ao BNG e aos seus socios que abandonen a súa actitude de «brazos cruzados», respecte os acordos aprobados polo máximo órgano de representación municipal e inicie hoxe mesmo os trámites para a integración na rede de Concellos Emprendedores. «Cangas non pode permitirse nin un día máis un goberno que asfixia a quen xera riqueza e emprego», conclúen.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *