“Non se trata de crear polémica, senón de poñer orde e rigor, de garantir que o Concello actúa de boa e fe e de evitar que os veciños teñan que acudir aos tribunais a defender os seus dereitos”, di Alberto Acuña
O grupo municipal do PP de Vilaboa, a través do seu voceiro, Alberto Acuña Crespo, vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno da corporación na que solicita a modificación e revisión do inventario de bens do Concello, especificamente na parte referida aos cemiterios parroquiais, por conter erros e redaccións confusas que poden afectar aos dereitos de propiedade dos veciños.
A moción explica que o actual inventario non diferencia con claridade o dominio público da propiedade privada, xerando inseguridade xurídica e posibles conflitos coas familias titulares de panteóns e parcelas dentro dos cemiterios.
O Grupo Popular lembra que o propio goberno local recoñeceu a existencia destes erros, comprometéndose no último pleno extraordinario a aceptar as modificacións propostas polo PP, que están orientadas a aclarar a titularidade real dos bens e a recoñecer a existencia de dereitos de terceiros sobre as fincas nas que se asentan os camposantos.
“O inventario non é un título de propiedade, senón un documento descritivo que debe axustarse á realidade física e xurídica dos bens municipais”, sinala Alberto Acuña, que quixo deixar claro que “o que pedimos é simplemente rigor, transparencia e respecto polos dereitos dos veciños”.
A moción presentada polo PP solicita que o inventario inclúa expresamente:
–As cargas, cesións, servidumes ou dereitos reais e persoais existentes sobre as fincas dos cemiterios.
–A delimitación precisa entre os bens de titularidade municipal e os de propiedade particular.
— A incorporación dunha descrición técnica e xurídica que evite confusións e garanta seguridade xurídica.
O texto tamén lembra o disposto nos artigos 32 e 33 do Regulamento de Bens das Entidades Locais (Real Decreto 1372/1986), que obrigan a que o inventario municipal reflicta “a natureza, situación xurídica e demais circunstancias” de cada ben, incluíndo gravames ou dereitos alleos cando existan.
“Non se trata de crear polémica, senón de poñer orde e rigor. Nin de enfrontarse a ninguén, senón de garantir que o Concello actúe con boa fe e conforme á lei”, destacou o portavoz popular, que pretende, con esta medida, que os veciños non teñan que acudir aos tribunais para defender un dereito que debe ser recoñecido directamente pola administración.
Con esta moción, o PP de Vilaboa busca que o Concello rectifique oficialmente a redacción do inventario e recoñeza a coexistencia de dereitos públicos e privados nos cemiterios parroquiais, evitando futuras controversias e reforzando o principio de boa administración e respecto pola propiedade privada.

