Os populares sosteñen que esta afirmación da rexedora é “totalmente irregular por non dicir outra cousa” e enmárcase na súa política de crispación e enfrontamento cos moañeses “polo enfado que ten ante a contestación social que espertou o seu sablazo fiscal”
O grupo municipal do PP de Moaña vén de lamentar que a alcaldesa, Leticia Santos, profira novas ameazas aos veciños tras afirmar que as bonificacións da taxa do lixo, tras a suba brutal que pretende perpetrar o BNG desde a Mancomunidade do Morrazo, están condicionadas a que se inicien de inmediato, xa no presente ano, as accións de compostaxe por parte dos veciños.
Para os populares esta afirmación da rexedora é “totalmente irregular por non dicir outra cousa”, xa que lembraron que a nova ordenanza, que recolle as tributacións con subas de entre o 90% e o 600% e as supostas bonificacións, non está aínda en vigor, polo que ninguén pode nin beneficiarse nin verse prexudicado por ningunha medida desa normativa cando aínda non é unha realidade.
“Estamos ante un novo exercicio de chulería e de prepotencia de Leticia Santos, que se cre que está por riba do ben e do mal e incluso das propias normativas que ela mesma quere aprobar. A ninguén, aínda que non faga a compostaxe no que resta do ano 2025, se lle pode negar unha bonificación o próximo ano por non cumprir antes de tempo unha ordenanza que non está en vigor”, aseverou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, que cre que estas manifestacións da alcaldesa nos encontros que está a manter cos veciños enmárcanse na súa política de crispación e enfrontamento cos moañeses “polo enfado que ten ante a contestación social que espertou o seu sablazo fiscal, do que é a máxima responsable”.
Neste senso, desde o PP lembraron que a ordenanza e as novas taxas pola recollida do lixo no Morrazo foron simplemente aprobadas de xeito inicial na asamblea xeral da Mancomunidade o pasado 13 de outubro e actualmente están en fase de exposición pública e presentación de alegacións ata o 3 de decembro.
Posteriormente aínda se terán que resolver as posibles reclamacións e proceder á aprobación definitiva desta normativa para a súa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2026, “polo que será a partires desa data, e nunca antes, cando a xente terá que cumprir coas diversas cuestións recollidas na mesma”.
Finalmente, os populares de Moaña cren que esta esixencia de Leticia Santos vén a revelar que, agochadamente, “o BNG realmente non quere aplicar ningunha bonificación a ninguén porque quere toda a millonada para tapar a súa mala xestión do lixo na comarca e por iso vai retorcer a normativa para negar os descontos por calquera motivo”.

