O voceiro popular, Alfonso Piñeiro, alerta do “absoluto abandono” desta contorna da Avenida José Costa Alonso por parte dos socialistas desde o Executivo central “coa complicidade do BNG”, xa que o muro de seguridade do miradoiro atópase precintado polo seu estado de risco
O grupo municipal do PP de Moaña vén de esixirlle ao Concello que adopte dunha vez por todas as medidas necesarias ante o Goberno de España para corrixir o deterioro flagrante da contorna do Con, na parroquia de Tirán, posto que a Avenida José Costa Alonso volve presentar perigosas fochancas de grandes dimensión e o muro de contención do miradoiro atópase precintado pola sua situación de grave risco.
“O goberno do BNG ten que deixar de mirar para outro lado e de sacarlle as castañas do lume ao Goberno de España facendo pequenos arranxos a modo de chapuza neste vial, malia que é propiedade de Costas do Estado, e instarlles co firmeza á súa reparación urxente e integral”, solicitou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, que ironizou con que “se a estrada fose da Xunta a alcaldesa en vez de mandar a un equipo de bacheo enviaría un megáfono e uns altofalantes”.
Para os populares, o executivo nacionalista ten que deixarse de parches neste vial do Con, xa que as fendas e as fochancas son frecuentes e recurrentes e incluso apareceu outro de grandes dimensións hai apenas medio ano, e as súas solucións, que non lle corresponden ao Concello, son insuficientes. Polo tanto, avogan por demandarlle a Costas do Estado “a remodelación integral que se merece esa estrada e que garanta a seguridade de condutores e usuarios”.
Ademais, desde o PP indicaron que está prevista a transferencia da citada avenida a Xunta de Galicia nos próximos meses, pero advertiron de que a mesma pode estar en entredito, “xa que temos dúbidas de que calquera administración, neste caso a autonómico, acepte coller unha infraestrutura nunhas condicións tan malas, xa que, ademais, é habitual entre todas as institucións que se traspasan vías que se faga previa reparación completa e integral do seu estado”. “Se a Xunta acaba recibindo finalmente o vial, vanlle pedir desde o primeiro día, pancarta incluída, o que non lle esixiron ao Estado en anos”, advertíu o concelleiro popular.
Por outra banda, desde o PP de Moaña tamén alertaron do “absoluto abandono” desta contorna do Con por parte de Costas do Estado, xa que, ao problema continuo no vial, engádese o mal estado do miradoiro, que conta cun muro precintado desde hai tempo polo claro risco de derrubo.
“A desidia e pasotismo dos socialistas de Madrid con Moaña chega a uns niveis extremos, pero isto, que é lamentable e que se extende a toda a provincia, conta coa triste complicidade da alcaldesa e do BNG, que só se amosan bravos para pedirlle ás administracións do PP, pero que son sumisos e mansos co PSOE, o que demostra que non lles importa nin Moaña nin os moañeses, senón ter contentos aos seus socios por se, no futuro, precisan dos seus votos para seguir nas súas cadeiras e cos seus soldos”, concluíu.