A sede do PP moañés estivo chea para a asemblea.

Os populares celebraron o primeiro encontro desta nova etapa, baixo a dirección de Estela Santomé e Alfonso Piñeiro, respaldados polo presidente provincial do PP

O Partido Popular de Moaña celebrou onte á noite unha Xuntanza Veciñal aberta con militantes, simpatizantes e veciños que ateigou a sede da agrupación ata a bandeira e que contou coa presenza do presidente provincial e da Deputación de Pontevedra, Luis López. “Hoxe estamos ante o claro punto de partida para reverter a mala e deteriorada situación que padece o Concello de Moaña e mudar, dunha vez por todas, a un goberno soberbio que non é o que merece esta vila”, sinalaron os líderes locais, Estela Santomé e Alfonso Piñeiro.

Este encontro cidadá foi o primeiro celebrado nesta nova etapa desde que Santomé asumíu a presidencia da xunta xestora do PP local e Piñeiro a portavocía do grupo municipal e no mesmo estiveron respaldados por Luis López e tamén pola secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, e a coordinadora comarcal e voceira de Bueu, Elena Estévez.

Estela Santomé presentou aos membros da nova xunta xestora, que ten catro incorporacións e que foi aprobada pola directiva provincial celebrada o pasado día 19, e salientou que o PP está en moi boas condicións para seguir medrando, “xa que estamos traballando na boa dirección”.

Pola súa banda, Alfonso Piñeiro explicou que a actuación dos populares vai centrarse en “escoitar, analizar e actuar sempre dentro das posibilidades que confire estar na oposición” e afondou na situación do Concello aclarando que “actualmente estamos a ser rescatados pola Xunta e, sobre todo, pola Deputación, sen cuxa colaboración e achegas estaríamos na nada máis absoluta e que demostran o absoluto compromiso do PP con Moaña”.

“Temos un partido forte e que, a diferenza do BNG, está sempre en contacto coa xente e estamos a recibir unhas grandes sensacións dos veciños, que recurren a nós porque representamos o oposto a un Bloque que non lles escoita e que actúa desde o goberno de xeito autoritario e incompetente. Están a demostrar que para o único que están preparados é para ser oposición”, dixeron os dous líderes locais.

Finalmente, Luis López amosouse moi ilusionado pola masiva asistencia a esta Xuntanza Veciñal e destacou que o PP de Moaña “é un partido unido e cercano á xente, polo que as mellores receitas e proxectos de futuro para este concello pasan, sen dúbida, por confiar e votar ao PP para que a prioridade deixe de ser o sectarismo e pase a ser a atención aos veciños”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *