Os populares denuncian que se ocultou a non execución de partidas clave e que se inflaron os datos sumando fondos doutras administracións
O Partido Popular de Cangas denuncia que as afirmacións realizadas pola concelleira de Facenda sobre a suposta execución do 100% do orzamento municipal de 2024 non se corresponden coa realidade, tal e como se desprende da análise da documentación orzamentaria aprobada definitivamente en setembro dese mesmo ano.
Desde o PP explican que o orzamento aprobado tiña como principal finalidade facer fronte ao pagamento de facturas correspondentes a exercicios anteriores, derivadas de gastos realizados sen cumprir cos requisitos legais, polo que non pode presentarse como un exemplo de boa planificación nin de xestión eficaz.
Os populares sinalan que non se executaron partidas claramente identificadas no orzamento, entre elas 50.000 euros destinados ao PXOM, 115.000 euros para unha segunda liña de axudas aos clubs deportivos ou 90.000 euros de apoio ao comercio local, ademais doutras moitas que tamén quedaron sen
executar. “Se realmente se gastou todo o orzamento, que expliquen que pasou con estes cartos”, reclaman.
O PP advirte ademais de que a concelleira de Facenda incorre nunha manipulación dos datos ao sumar ao gasto total 4,5 millóns de euros procedentes da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, fondos que non estaban incluídos no orzamento inicial, para así xustificar artificialmente un gasto de 19 millóns de euros e afirmar que o orzamento foi executado na súa totalidade.
Esta práctica, sinalan desde o PP, evidencia que son outras administracións as que están a soster economicamente ao Concello de Cangas, malia que desde o goberno local se insiste en falar de discriminación institucional. “A realidade é que a Deputación e a Xunta están facendo moito máis por Cangas que o propio goberno municipal”, afirman.
Os populares consideran especialmente grave que se presuma dun orzamento no que o Concello gastou máis do que ingresou, cun desfase superior a 1,5 millóns de euros, e no que se acumulan máis de 250 reparos suspensivos de intervención, o que pon de manifesto unha forma de xestionar marcada pola
irregularidade.
Desde o PP conclúen que “non se entende como o goberno local pode saír a nunciar estes datos sen rubor cando os números desminten o seu discurso”, e denuncian que, tras gastar máis de 19 millóns de euros, non se aprecia ningunha mellora nin nos servizos municipais nin na imaxe do municipio. Para o Partido Popular de Cangas, esta situación é un novo exemplo da nula xestión do goberno do BNG e da concelleira de Facenda, e confirma que “non están capacitadas para dirixir o Concello nin para administrar con rigor os recursos públicos”.

