Os populares ironizaron con que o pobo leva 20 meses agardando polos Orzamentos 2024 “e atópase de sorpresa coas contas de 2025 cando nesta época tiñan que presentar as de 2026, o que demostra a falta de traballo e os incumprimentos de Xosé Leal e do goberno do BNG”
O grupo municipal do PP de Bueu vén de valorar o anuncio do goberno local de presentar de xeito inmediato un proxecto de Orzamentos 2025 asegurando que se trata dunha “tomadura de pelo aos veciños”, posto que son unhas contas “totalmente inservibles” que só estarán vixentes uns 45 días deste ano antes de entrar de novo en período de prórroga, “polo que loxicamente non poden atender as necesidades nin os investimentos que precisan os buenenses”.
Os populares indicaron que a presentación deste documento despois de meses agardando por el “non a entende ninguén e é totalmente inexplicable” e apelaron ás propias palabras do concelleiro de Facenda, Xosé Leal, asegurando que se trata máis dun balance e que, en todo caso, son uns orzamentos de transición. “Se non fora porque falamos de algo moi serio que afecta á vida dos veciños, sería ata gracioso que agora Leal fale de tramitación exprés das contas cando, ata o momento e durante estes anos, foi arrastrando os pés”, apostillou a voceira, Elena Estévez, que tamén lle replicou sobre o feito de que se trata dun documento de transición, “xa que, ao ritmo que van habitualmente, é moi posible que estas sexan tamén as contas de 2026 e 2027”.
“O pobo leva vinte meses, desde febreiro do ano pasado, agardando polos Orzamentos 2024, que foi o que dixo o concelleiro no pleno celebrado daquela, e atópase agora de sorpresa as contas de 2025 cando nesta época tiñan que estar presentando as de 2026 para que entraran en vigor o 1 de xaneiro. Isto demostra a falta de traballo e os incumprimentos de Leal e do goberno do BNG, que agora nos din, aínda que non os cre ninguén, que van comezar a traballar de inmediato nos orzamentos do próximo ano”, manifestou, antes de criticar as novas excusas do concelleiro delegado, que desta volta escudouse en supostos cambio no departamento de Intervención para xustificar o retraso. “O máis honesto sería que
admitira a súa falta de traballo e que foi incapaz de presentar uns orzamentos en dous anos, pero o alcalde permítello, así que pode seguir así aínda que prexudique aos cidadáns”, detallou.
A Xunta e a Deputación “rescatan” a Bueu
Polo demais, e malia tratarse dun proxecto ineficiente, xa que tras o período de exposición pública –rematará a mediados de novembro– só estará vixente uns 45 días do ano en curso, a voceira tamén opinou sobre as primeiras cifras coñecidas destas contas, aínda que non llas facilitaron á oposición. Así, sinalou que estes orzamentos “demostran á perfección as moitas eivas” da xestión do BNG, posto que o gasto de persoal está disparadísimo ao alcanzar o 47%, o monto total queda por debaixo do listón dos 8 millóns, os investimentos son moi cativos con só 116.000 euros impropios dun concello como Bueu e todo elo complétase co “rescate” que están a facer a Xunta e a Deputación coas súas millonarias achegas “para salvar ao Concello da nada máis absoluta”.
“Supoñemos que o retraso nestes orzamentos e que sexan moi deficientes débese a algo que fixen cando eu estaba na Alcaldía hai case vinte anos. Leal ten imaxinación para iso e moito máis, así que agardaramos ao pleno para ver que inventa desta volta”, ironizou Elena Estévez.