Piscina municipal de Bueu.

Reclaman a súa ampliación e xornada continua durante os meses de inverno

O grupo municipal do PP de Bueu vén de presentar unha proposta de cambios no novo regulamento da piscina municipal, actualmente en fase de tramitación, para favorecer un acceso universal de todos os veciños con mellores prezos e horarios máis amplos e coa incorporación de bonos sociais para xente vulnerable.

Os populares, que veñen de presentar diveras suxestións na fase de exposición pública desta normativa tras a súa aprobación inicial no pleno do pasado mes de xullo, teñen detectado “eivas, cuestións mellorables e esquecementos imperdoables” neste regulamento, polo que queren enriquecelos cunha serie de propostas xa rexistradas e que se debaterán en pleno.

“Vemos deficiencias nos horarios establecidos e tamén nas tarifas e nos bonos, pero nos parece especialmente grave que o goberno local se olvidase por completo da xente máis necesitada e non contemplase uns prezos especiais e rebaixados para persoas desempregadas, en situación de emerxencia social ou en risco de exclusión”, lamentou a voceira municipal, Elena Estévez, que insistíu en que o PP non está a favor de que se estreen estas taxas, xa que o servizo foi gratuíto todos estes anos “e podería seguilo sendo se non fose porque o BNG vén de iniciar unha campaña de asalto aos petos dos veciños coas subas do imposto de vehículos, a próxima da recollida de lixo e esta nova tarifa”.

En todo caso, e dado que o executivo de Félix Juncal vai sacar adiante este novo cobro, desde o PP avogan por “actuar con responsabilidade” e tratar de mellorar esta normativa con diversas suxestións sobre os horarios e o prezo e os beneficiarios dos distintos abonos.

Respecto da primeira cuestión, os populares lamentan que a apertura se limite ás xornadas laborais de luns a venres con horarios partidos e co peche da instalación os sábados e festivos, xa que elo impedirá o seu uso por parte de moitos veciños por coincidencia co seu traballo e as súas obrigas familiares. Así, propoñen o establecemento dun horario continuo durante o inverno de luns a venres entre as 7.00 e as 22.00 horas e xornada partida os sábados de 9.30 a 13.30 e de 17.00 a 20.00, mentres que para o verán defenden a apertura de 7.00 a 14.00 e de 17.00 a 22.00 horas nas xornadas semanais e de 9.30 a 13.300 nas sabatinas.

Ademais, o PP buenense tamén reclaman cambios nos abonos á mocidade para incluír tamén ás persoas de 21 anos, “xa que coa actual concepción quedan fóra dos bonos xuvenís e tamén dos xerais para veciños de 22 a 64 anos” e demandan que os abonos familiares contemplen tres opcións, posto que actualmente non distinguen segundo o número de membros. Propoñen uns prezos de 38,95 euros mensuais para unidades de 2 membros, de 40,95 euros para as de 3 integrantes e de 44,95 euros para as familias de 4 ou máis persoas.

Finalmente, rematan as súas solicitudes de cambio neste regulamento coa posibilidade de beneficiar do abono da terceira idade ás persoas xubiladas que non teñan cumprido os 65 anos e a creación dun prezo especial de carácter social, fixado en 14,95 euros mensuais, para as persoas desempregadas ou en situación de vulnerabilidade, “xa que non nos parece xusto nin realista que paguen as taxas xerais, o que, na práctica, deixaríaos sen a posibilidade de usar a piscina”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *