O PP de Bueu instará, a través dunha moción no próximo pleno, ao goberno local a realizar unha actuación de mantemento urxente no campo de fútbol da Graña. Los populares aseguran que segundo a Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, os municipios son competentes na “promoción do deporte e instalacións deportivas e de ocupación do tempo libre”. Pese a isto, o Concello de Bueu realiza, din na proposta, en liñas xerais, «un mantemento enormemente deficiente das infraestruturas deportivas municipais, o que non axuda a fomentar o seu uso».
Segundo os populares, unha das instalacións que máis sofre o «desdén
municipal» é o campo de fútbol municipal da Graña, inaugurado no ano 2011, que ve como «a totalidade dos seus espazos está a vivir unha degradación substancial, desde os asentos das gradas até o solo». En consecuencia, demandan, «cómpre actuar de forma urxente para evitar unha maior afectación desta infraestrutura municipal, de xeito que se evite un trastorno constante para os usuarios e un maior gasto para as arcas municipais. Xa que logo, é preciso que o goberno local destine os fondos necesarios para poder acometer unha actuación de mantemento urxente, ben a través da brigada municipal, ben a través dunha empresa, facéndose cargo de traballos como o pintado das paredes, o arranxo do alumeado e dos paneis do teito etc.»
O pleno terá lugar o próximo 7 de marzo.