A voceira, Elena Estévez, incide en que a xestión do BNG neste asunto, con prórrogas do contrato desde 2018, provocaron esta “situación precaria e inestable” e cre que non a pode “resolver polas bravas cun sablazo” aos veciños para paliar a “pésima calidade” desta prestación
O grupo municipal do PP de Bueu vai esixir a retirada da proposta de modificación da ordenanza comarcal de limpeza e recollida de lixo, impulsada polos tres gobernos locais do BNG e que duplica as taxas das vivendas e multiplica as de centos de negocios e empresas, e solicita a apertura dunha “vía de diálogo” entre todos os partidos poíticos e os axentes económicos e sociais polo unánime rexeitamento cidadá contra esta medida.
A proposta dos populares formalizarase baixo o formato de moción para debátela no pleno convocado para o próximo luns, 6 de outubro, e na mesma figuran a cancelación do incremento deste tributo –que pasaría de 67 a 126 para as vivendas– “que foi decidido e impulsado unilateralmente polo Bloque dun xeito incomprensible dada a súa elevada contía” e a convocatoria dunha xunta de voceiros na Mancomunidade do Morrazo, que é quen desenvolve este servizo nos tres concellos, para abordar de maneira consensuada e participativa o futuro desta prestación e da súa ordenanza reguladora.
A voceira municipal, Elena Estévez, considera que os tres alcaldes do BNG “fixeron rematadamente mal todas as cuestións relacionadas con este asunto” e pedíulles que rectifiquen “porque hai un clamor e un malestar entre os cidadáns que non poden facer como se non existise gobernando de cóstas aos cidadáns”.
Así, a concelleira lembrou que os problemas de inestabilidade, precariedade e económicos deste servizo de limpeza e recollida de lixo derivan exclusivamente da xestión do Bloque na comarca e comezaron no ano 2018, que foi cando rematou o contrato do servizo, pasando a funcionar prorrogado anualmente ata 2021 e mensualmente desde entón, “o que loxicamente sitúa esta prestación nunha situación de provisionalidade que provoca o seu mal funcionamento, con problemas e avarías na maquinaria, contedores rotos ou en mal estado, falta de limpeza dos mesmos, cheiros e incluso discriminación na recollida dos lugares e anomalías nas frecuencias e rutas”.
A edil popular lembrou que o PP leva sete anos reclamando a licitación dun novo contrato para corrixir “esta situación precaria e inestable” e lamentou que esta petición caese en saco roto e fose desoída polos alcaldes do BNG, que considera que agora “non pode resolver polas bravas, cun sablazo aos veciños, a resolución deste asunto que se deteriorou pola exclusiva responsabilidade e cargándolle á xente a pésima calidade deste servizo”.
Finalmente, Estévez tamén destacou a ausencia total do proxecto de remunicipalización do servizo que figuraba na axenda do BNG e que é firmemente defendido polo alcalde buenense, Félix Juncal, “que unha vez máis demostra a súa debilidade e cede ás pretensións das alcaldesas de Cangas e Moaña aínda que iso supoña unha suba de case o 100% nesta taxa do lixo tras agasallarnos a todos os veciños cun incremento do 17% no imposto de vehículos”.