Cuestiona que “máis dun ano despois da súa apertura, segue sen existir a transparencia esperable, xestionando o espazo a golpe de contrato menor”
“Unha mostra máis da incapacidade do executivo de Félix Juncal para xestionar os proxectos relacionados con Bueu”. A concelleira popular María Blanco referiuse así ao que, para ela, é “un despropósito máis” do goberno local de Bueu, “que non é quen nin sequera de sacar adiante en condicións o proxecto estrela do alcalde”, como é a piscina municipal. “Levamos anos mirando un barco á deriva que, ademais, fai auga por todas partes, e hoxe constatámolo aínda máis, cando levamos máis dun ano esperando unha xestión correcta da piscina”, sinalou.
A piscina municipal, inaugurada o 29 de marzo de 2021 coa promesa de tres meses de proba gratuítos, permanece até o de agora sen ningún contrato de xestión. Isto provoca que, na actualidade, “o alcalde estea fraccionando os contratos para non ter que sacalos a concurso público, senón que llos dá directamente a quen el quere”, unha cuestión que para Blanco pon de manifesto “a dobre moral do alcalde e do grupo de goberno, especialmente do vicealcalde, Xulio Villanueva, quen durante os seus anos na oposición se mostraba como o garante da transparencia e que agora comulga con rodas de muíño día si e día tamén”.
Dese xeito, Blanco cuestionou “a imposibilidade real de coñecer os custos da piscina, posto que as propias facturas municipais, en moitos casos, non mencionan onde se fan as obras e actuacións”, o que cualificou “dunha mostra de opacidade e escurantismo impropias dos tempos en que vivimos”. Ademais, Blanco sinalou a incongruencia de que “o goberno local anunciase hai meses o procedemento que se ía seguir coa piscina e que non o levase a cabo aínda”, destacando que “por non realizar os trámites necesarios, hoxe en día Bueu está meténdolle varios centos de miles de euros anuais á piscina que se poderían investir en solucionar necesidades das parroquias se Félix Juncal realizase o seu traballo en tempo e forma”. “Talvez o alcalde debería centrarse máis no traballo diario e menos no autobombo ao que xa nos ten acostumada a toda a veciñanza”, concluíu.