Elena Estévez criticou duramente “a falta de comunicación e diálogo coa oposición e coa cidadanía dun goberno en ruínas”
“Este 2021 foi unha nova demostración do pasotismo máis absoluto do alcalde de Bueu, Félix Juncal, unha actitude que lastra profundamente o desenvolvemento e o crecemento do noso municipio pola falta de proxectos chave para Bueu”. Con estas palabras iniciou a voceira do Partido Popular, Elena Estévez, a súa valoración respecto da xestión do goberno local, incidindo tamén “na postura cómplice de Xulio Villanueva, concelleiro de ACB e vicealcalde, unha posición que sorprende tendo en conta que prometeu ser crítico e facer avanzar o concello, mais que quedou como número 9 do BNG, sen ningún tipo de voz propia e escondéndose cando se tratan temas cos que, no pasado, foi moi crítico”.
Así, a voceira fixo un repaso por todos os problemas que se foron afrontando ao longo do ano, e como as novidades que ten o municipio son, precisamente, as que non son competencia do Concello de Bueu. En primeiro lugar, Estévez afirmou que “é dunha enorme desvergonza moral que un goberno que presume de ser demócrata e transparente despois manteña unha actitude totalmente diferente, o que amosa claramente a falta de comunicación e diálogo dun goberno en ruínas, que non informa das xestións fundamentais para o concello –aínda que pode ser que sexa porque non se fan–, que trata as comisións como un trámite logo de reducilas xa ao mínimo, e que nin sequera ten un mínimo de deferencia cos concelleiros da oposición que, a pesar de que lles moleste, formamos parte da Corporación Municipal”.
En segundo lugar, aludiu á “obsesión por evitar os temas que non lles interesan en absoluto e tentar deixalos morrer, para logo vir dicir que estaban traballando duramente neles”, algo que, a ollos de Estévez, se ve en asuntos como a compra da casa de Matilde Bares. “Primeiro rexeitan en pleno adquirila, logo confirman que se pode derruír, para despois, cando hai unha mobilización por parte do PP e do PSdeG-PSOE e da cidadanía, desdicirse e estar estudando medidas sen sequera responder á presentación de sinaturas que fixo o pobo de Bueu”, indicou, unha mostra de que “son o mellor exemplo dun viraventos político, pois cambian de idea a cada pouco perdendo meses de oportunidades polo camiño”.
Ademais, a voceira tivo tamén unha mención especial para a cantidade de fondos que Bueu perde cada ano, ben pola renuncia “inexplicable” a subvencións e convenios, ben polas sancións que se impoñen froito “do desleixo máis absoluto”. “Este ano puidemos ver como o desgoberno bipartito renunciou a un convenio para a mellora do pavillón de Bueu que ofreceu a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, preferindo gastar fondos da Deputación en vez de ter os dous, os da Xunta e a Deputación. Vimos tamén como renunciaron a un convenio xa asinado para a compra dun marcador para o pavillón de Bueu, como tiveron que devolver máis dun 75% dos fondos transferidos pola Deputación para a prestación de servizos básicos de emerxencia polo Estado de Alarma, porque en vez de axudar as familias que máis o necesitaban, deixaron os cartos sen gastar. Tamén vimos como tiveron que devolver boa parte dos fondos que concedeu a Secretaría Xeral de Igualdade por non ter prestado nin unha hora de atención psicolóxica que se financiaban”, indicou, cuestionando tamén que se recibisen multas “por cousas tan simples como non pedir permiso para facer unha obra que afectaba as mámoas de Castiñeiras”. Dese xeito, Estévez cuestionou que “un goberno que presume de boa xestión teña todos estes lastres que, ao final, soporta toda a cidadanía de Bueu”.
“De verdade o alcalde vai seguir como o rei nu do conto obviando que non ten xa traxe e que todo é aparencia?”, preguntouse, denunciando tamén que “Juncal, Villanueva e o equipo de goberno se enchen a boca criticando que non haxa investimento da Xunta en Bueu, pero despois terminen renunciando ás axudas descaradamente”.
Outra cuestión que motivou as críticas da voceira foi “o atraso evidente” do pago das axudas deportivas e culturais, coas que o goberno leva un atraso de practicamente dous anos. “Desde o PP propuxemos xa hai máis dun ano axilizar este asunto mediante un mecanismo que garanta o pago en tempo e forma, pero o goberno local preferiu seguir danando os colectivos antes que facer algo”, sinalou, antes de cuestionar que, “a maiores de que os colectivos non saiban nin sequera se poden obter fondos e cantos, xorde a dúbida sobre cando se pagarán, o que, evidentemente, complica a súa situación financeira, algo que non ocorre con axudas a dedo que se resolven en dous días co Nadal polo medio”. En relación ás axudas, tamén mencionou o atraso ao repartir as axudas aos sectores afectados pola COVID que financia a Deputación, apelando “ao absurdo de que co atraso que leva o goberno neste asunto, saque unha nova para dicirnos que aínda as está ultimando e que faltan trámites”. Así, criticou duramente o atraso na campaña “Bueu consume local”, pois “desde que o goberno afirmou que estaba a traballar no asunto por unha proposta do PP en novembro de 2020, houbo que esperar máis dun ano para ter a iniciativa lista, o que demostra que houbo unha clara falta de respecto e cara á verdade por parte do goberno e da concelleira delegada, Silvia Carballo”.
Por último, Estévez aludiu tamén a procesos que se levan demorando múltiples meses, coas conseguintes queixas dos veciños. Mostra significativa é, para a voceira, o expediente de investigación sobre a titularidade dun camiño público en Beluso, pois “pasaron xa máis de 15 meses desde que un grupo de veciños denunciou a presunta apropiación dun camiño público por parte dos promotores de construción dunha vivenda, sen obter aínda unha solución por parte do goberno municipal”. “Sempre se intenta vender que o Concello funciona moi ben e que temos un goberno áxil, mais este tipo de asuntos demostran que esa idea que se intenta vender é totalmente falsa”, indicou.
En consecuencia, Estévez pediulle ao goberno que “se poña en marcha”, á vista de que “levan xa varios anos á sopa boba, perdendo investimentos en Bueu e deteriorando a imaxe da nosa vila ante outras institucións, pois quedamos como un concello pouco serio que renuncia ás axudas despois de facer os trámites”. “É necesario e urxente que o bipartito (BNG-ACB) xestione eficazmente os cartos dos bueueses e das bueuesas, conseguindo o máximo de fondos posibles para a nosa vila, co obxectivo de poder medrar, e non quedar ancorados no pasado e perdendo poboación”, sentenciou, aludindo ao feito de estarmos, por segundo ano consecutivo, por debaixo dos 12.000 habitantes, unha situación non vista en Bueu en todo o que vai de século.