O grupo municipal do PP de Cangas amósase moi crítico co balizamento das praias do municipio deste ano. Recordan que xa fixeron denuncias públicas alertando da falta de previsión do goberno liderado polo BNG e que deu como resultado que non se rematan os traballos ata o pasado 2 de agosto, “na metade da tempada estival” puntualizan.
Para os populares é un feito que volve a demostrar a nula xestión do Goberno local que tamén se viu reflectida na tardía contratación de socorristas, que entraron en servizo “tarde, e a tronpicóns”, renunciando a cubrir a 6 praias que sí contaban con este servizo o pasado ano e para as cales o propio goberno municipal solicitou a Bandeira Azul. “Só lograron manter este servizo esencial nas praias de Rodeira, Nerga e Areabrava, e aínda así con problemas”. “Temos información de que se contrataron finalmente a 13 profesionais e non 14 como estaba inicialmente previsto e que son os precisos para a totalidade dos turnos de traballo” declaran.
Nesta liña, destacan que un ano máis Cangas contratou un patrón que estivo sen embarcación operativa durante días, “un claro exemplo da eficiencia no gasto público” ironizan. “É un novo capítulo dos constantes recortes que vimos denunciando nos últimos anos na seguridade dos areais” insisten.
Respecto ao balizamento, os populares sinalan que a día de hoxe non se instalaron a totalidade das balizas na praia de Rodeira, “sen motivo aparente”, xa que á altura da desembocadura do río Saíñas faltan dúas boias que sí foron instaladas en anos anteriores. “Queremos que expliquen os motivos xa que non están todas as praias balizadas e deben sobrar para cubrir as praias que contan con Bandeira Azul” argumentan. Así, recordan que hai un acordo plenario froito dunha moción da formación que, “unha vez máis están a incumprir, como fan con todas, amosando un absoluto desprezo polo Pleno da Corporación como máximo órgano do noso concello”, critican.
“Nos areais de Liméns e Santa Marta, moi concurridos tamén, non sabemos a día de hoxe se contaran ou non con balizas delimitación da zona de baño, cando é unha zona especialmente crítica polo importante número de embarcacións de recreo que fondean no entorno” explican.
Por outra banda, e respecto á accesibilidade, denuncian que non foron instaladas as rampas de acceso para persoas con mobilidade reducida a pesar de que o Concello adquiriu no seu día este material e que agora, “inexplicablemente”, se atopa gardado en instalacións municipais. “A que agardan para despregalos nos areais, a setembro?” cuestionan. Reiteran a importancia que ten a accesibilidade para colectivos especialmente vulnerables e critican a falta de compromiso e sensibilidade do equipo de goberno neste ámbito.
Por último, critican a falta de limpeza dos baños das praias que moitos días presentan un estado “lamentable”. Con todo, recoñecen que esta situación veuse agravada por algúns usuarios incívicos das autocaravanas estacionadas no entorno de algúns areais que utilizan estes aseos como puntos improvisados onde descargas as augas negras dos seus vehículos. “Reclamamos aos responsables municipais que corrixan estas deficiencias e tomen medidas” afirman, “que traballen de verdade e deixen de ver cara outro lado como se ningún dos problemas da nosa vila tivera que ver con eles e a súa xestión” rematan.