O grupo municipal do PP de Moaña vén de criticar a xestión das obras impulsadas polo Concello por parte do goberno do BNG a raíz dos enormes problemas detectados no Paseo da praia da Xunqueira e que van ser reparados ao amparo da garantía desta actuación. Neste senso, os populares lamentaron os habituais erros na adxudicación das obras, a falta de control e inspección por parte do executivo nacionalista que é unha das súas responsabilidades e as irregularidades nas certificacións.
Así, o PP moañés calificou de “inadmisible” que haxa que reparar unha obra, ante as fortes queixas dos veciños, na que se investiron 326.000 euros hai só catro anos, “xa que isto demostra unha mala praxe no manexo dos cartos públicos porque semella que non lles importa nin con quen contratan, nin como se desenvolven as obras, nin como se finalizan”.
Ademais, engadiron que a propia alcaldesa, Leticia Santos, admitíu que os enormes problemas coa saburra compactada da senda, que se levantou e provocaba que o percorrido fose irregular, deriváronse de erros na construción. “Estas deficiencias teñen que detectarse durante as obras se o goberno local non incumprise co seu deber de vixilancia, inspección e control, ou para que existen as distintas certificacións? Pero é que ademais tamén se recepcionou o paseo e se aprobou o final de obra sen a dilixencia debida, porque se había erros na construción tiñan que detectarse na supervisión previa a estes trámites”, apostillou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.