Anuncia que insistirá na súa revogación durante todo o ano
Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de anunciar o seu rotundo rexeitamento á nova taxa do lixo tras os mínimos cambios introducidos polo goberno do BNG na Mancomunidade, xa que consideran que estas modificacións son “cosméticas e insuficientes”, polo que votarán en contra da ordenanza tanto na comisión informativa do martes como na asamblea xeral do próximo venres.
“O Bloque vén de facer un paripé nestas últimas semanas para tentar lavar a cara ante o clamor social polo taxazo do lixo, pero a realidade é que non hai ningún cambio real e profundo na ordenanza, xa que seguen na súa teima de recadar 5,7 millóns de euros cada ano simplemente para tapar as moitas eivas deste servizo tras unha década de incompetencia na súa xestión por parte dos propios alcaldes nacionalistas. Polo tanto, o PP do Morrazo vai seguir no mesmo sitio que a finais do ano pasado, que é a carón dos veciños, defendendo os sus intereses e reclamando que este proceso comece de novo cunha negociación multilateral con partidos e axentes sociais para consensuar unha ordenanza entre todos”, advertiron os tres voceiros municipais Alfonso Piñeiro, Elena Estévez e Loli Hermelo.
Os representantes populares de Moaña, Bueu e Cangas consideran que as modificacións introducidas polo BNG “para tratar de frear o evidente cabreo da xente” non supoñen ningunha vantaxe para os veciños, posto que só se moveron cifras “para baixarlles as taxas a uns e subirlas a outros” ao manterse inamovible a recadación prevista de 5,7 millóns de euros anuais.
“Se tes un bar pequeno podes estar un pouco máis contento e se o tes algo máis grande pois aumentará o teu enfado porque aínda pagarás máis do recollido na primeira proposta, polo que nos preguntamos se esa falsa xustiza social da que falan depende exclusivamente de que o teu local teña uns metros cadrados máis”, significaron os concelleiros do PP, que ademais amosaron as súas moitas dúbidas da efectividade das “mini-bonificacións e descontos” por reciclaxe e compostaxe, “posto que nin a Mancomunidade nin os concellos teñen medios reais para o seu control e ademais moita xente descoñece o proceso de solicitude que, aínda por riba, terá que ser por sede electrónica”. “Estas rebaixas van quedar en nada e non se van aplicar a practicamente ninguén, pero danlles un bo titular, que é o único que buscan porque están desesperados”, apostillaron os edís.
“O BNG segue sen escoitar á xente do Morrazo e non pareceu entender a mensaxe da cidadanía tras recibir 3.600 alegacións contra esta ordenanza, porque parécenos alucinante que os tres alcaldesa falen de xustiza social cando as tarifas ou se multiplican por sete, e non houbo un 600% de inflación nos últimos vinte anos, ou roldan os 4.000 ou 5.000 euros tras unha suba estratosférica. Semella que queren complicarlle aínda máis a vida á xente nun contexto no que ir ao súper é moi compicado e que queren que pechen negocios, comercios e bares das nosas vilas”, manifestaron Piñeiro, Estévez e Hermelo.
Finalmente, os voceiros do PP, que revelaron que o BNG cae nunha tremenda contradicción por xustificar o incremento en base ao gasto por xeración de residuos pero non cubrir os custes do servizo “incumprindo a lei á que eles mesmos apelan”, anunciaron que “a loita contra esta suba brutal, esaxerada e inxusta” non rematará coa sua posible aprobación na asamblea da Mancomunidade o próximo venres para a súa entrada en vigor en 2027. Así, anunciaron que insistirán na revogación da ordenanza e das taxas durante todo o ano con accións políticas, administrativas e doutra índole “para que se volva ao punto cero deste proceso e se consensue unha mellora real do servizo e unhas tarifas acaídas e razoables con toda a sociedade do Morrazo”.

