Os populares veñen de celebrar a súa primeira Xunta Xestora, encabezada por Estela Santomé e Alfonso Piñeiro, para analizar o estado actual do municipio “ante un BNG que aposta polo enfrontamento en vez de atender aos veciños”
O PP de Moaña vén de marcar a liña política para os dous próximos anos no marco da celebración da súa primeira reunión de traballo da nova Xunta Xestora, na que se fixou o traballo en positivo para a veciñanza afondando nas xestións con Xunta e Deputación, “posto que o goberno sectario que temos nunca acepta ningunha proposta de ninguén”, e na que tamén se abordou, por outra banda, a fiscalización e control que se vai realizar do executivo nacionalista, ao que vén inmerso “nunha ineficacia total pola súa política de pancarta e megáfono”.
No encontro, encabezado pola presidenta local, Estela Santomé, e o novo voceiro municipal, Alfonso Piñeiro, destacouse que tanto a Xunta de Galicia como a Deputación “son as que están a rescatar a Moaña da nada máis absoluta, algo lóxico tendo que conta que o goberno do BNG é puramente destrutivo e non lle interesan os avances para os veciños, senón a súa guerra política constante”. Neste senso, puxeron como exemplo que a Deputación achegará 2 millóns dos 2,7 millóns de investimentos este ano e acordaron intensificar as xestións con ambas administracións, “dado que o goberno local non o vai facer polo seu sectarismo”, en beneficio dos moañeses.
“Estamos ante un BNG que aposta abertamente polo enfrontamento contra todo e contra todos e que a elo adica todos os seus esforzos en vez de xestionar axeitadamente o noso concello e atender aos veciños”, explicaron Santomé e Piñeiro.
Así, os populares lamentaron a “incapacidade admitida e manifesta” do goberno de Leticia Santos para sacar adiante os proxectos estratéxicos, como o remate definitivo do paseo de Seara, malia que hai dous anos Costas cedeu os terreos, aínda que sen a documentación confirmada e pendente dun informe municipal sobre a dinámica litoral, “pero en todo caso a realidade é que isto non avanza e o propio executivo do Bloque admite as súas dificultades para conseguir, xestionar ou negociar as cesións correctamente”.
“Para facer as cousas fáciles valemos todos, pero a auténtica capacidade dun goberno demostrase en sacar adiante as máis complexas e niso o Bloque admite a súa propia incompetencia, que é algo que xa detectan os veciños, que saben que, se hai un reto difícil non poden petar na porta da Alcaldía”, indicaron.
Ademais, o PP de Moaña tamén analizou, no seo da Xunta Xestora, os novos orzamentos municipais, que contan cunha partida cativa e irrisoria de apenas 104.000 euros para arranxo e mellora de pistas municipais e que se fachenda de que se trata dunha contas sociais malia que hai 69, con distintos grados de dependencia, na lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
“Di o refrán ‘dime de que presumes e direiche de que careces’ e de tanto falar de orzamentos sociais estaba claro que precisamente aí é onde está a súa principal eiva. Porque levan un retraso eterno no novo contrato e deixan o 40% das horas do SAF, máis de 2.300 cada mes, sen usar malia que hai decenas de moañeses vulnerables desamparados polo seu Concello”, apostillaron desde o PP, que tamén lamentaron a suba dun 16,6% no prezo dos campamentos e actividades estivais de conciliación “noutra medida máis en contra da familias e dos veciños” mentres se destina máis dun millón de euros a un proxecto de recuperación das carpintarías de Seara “que pode estar moi ben se vas sobrado, pero que moita xente non entende coas necesidades que temos sen atender en Moaña”.