Os populares lembran que o Bloque leva quince meses coa preparación deste proceso desde que os primeiros pregos en 2024 e xa incumpre o seu anuncio de sacalo a licitación o 1 de marzo, polo que lle esixe que “se poña a traballar” ante a preocupación a malestar veciñal
Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo veñen de advertir do retraso que leva o proceso de licitación e contratación do novo servizo de recollida de lixo nos concellos de Cangas, Moaña e Bueu, xa que estanse a incumprir os propios prazos anunciados polos tres alcaldes, polo que lle esixen que “se poñan a traballar” para sacalo adiante canto antes, xa que sería un “dobre atraco” do BNG se o taxazo que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2027 cobrase co “pésimo servizo, o peor de toda a provincia de
Pontevedra” que sufren os veciños na actualidade.
Os populares lembran que o Bloque leva quince meses coa preparación deste proceso desde os primeiros pregos en 2024, “que é algo que non nos estrana no marco da súa terrible xestión do lixo nos últimos dez anos”, e que, posteriormente, en agosto xa houbo unha reunión supostamente decisiva e incluso en novembro xa se colgou o contrato nas diferentes plataformas das administracións cun custe de
46,7 millóns para unha década.
“Hai catro meses parecía que o tema ía para adiante, pero levamos todo este tempo con reunións quincenais da xunta de goberno na que se limitan a dicir que todo é moi complicado, que hai que axustar prezos, co cal nos tememos que vai subir o custe do contrato e que darase un paso decisivo a próxima semana, sempre é a próxima semana”, lamentaron os voceiros Dolores Hermelo, Alfonso
e Elena Estévez.
Os representantes do PP afeáronlle aos alcaldes do Bloque o incumprimento de que a licitación sairía o pasado 1 de marzo e que ademais xa non saben cando vai ser porque agora limítanse a dicir que será “o antes posible”. Neste senso, criticaron que si se preocuparan e traballaran arreo para aprobar a ordenanza do taxazo en apenas seis meses, e iso que eles mesmos a retrasaron polo malestar veciñal, e non teñan a mesma dilixencia para sacar un contrato que é máis importante, xa que del depende a mellora do servizo.
Ademais, Hermelo, Piñeiro e Estévez tamén queren que o goberno nacionalista dea explicacións sobre o custe do contrato de recollida de lixo, xa que non entenden porque vai ser máis caro que o de Marín “cando en todos os sitios do mundo a maior volumen sae mellor prezo pola optimización dos gastos fixos e no Morrazo hai que prestar este servizo a 58.000 veciños e en Marín só a 23.000”.
Así, revelaron que o concello veciño acaba de adxudicar o contrato para a próxima década por 17 millóns de euros, a razón de 708 euros por habitante nestes dez anos, mentres que na comarca, coa cifra prevista inicialmente de 46,7 millóns, sairía a 807 euros por veciño, aínda que non desbotan que o contrato finalmente se incremente ata os 50 millóns. Polo tanto, o contrato vai ser entre un 12% e un 18% máis caro que en Marín, o cal achacan a unha mala xestión do BNG e explica porque os morracenses van pagar unhas taxas ostensiblemente máis elevadas.
Finalmente, os voceiros do PP tamén ironizaron coas “bondades sobrevidas” que o Bloque lle ve a Sogama tras a visita que os seus representantes fixeron esta semana á planta de Vilanova: “Levan anos dicindo que é un modelo caducado, caro e antiecolóxico, pero de súpeto caeron da burra e déronse conta de que o mellor tras a quebra técnica da alternativa da Mancomunidade do Barbanza impulsada polo Bloque e outras forzas de esquerda”.
Os populares lembráronlle aos nacionalistas que Sogama é un sistema voluntario para o tratamento do lixo e, se cren que o poden facer mellor, poden impulsar algunha alternativa, “pero non o van facer porque saben que a sociedade pública galega é a máis eficiente e a máis barata e, ademais, ten un dos mellores funcionamentos de España, así que cremos que chegou o momento de que saquen a careta tras anos criticando, con cuestións nas que nin eles mesmos cren, a Sogama”.

