“Con todo foron incapaces de levar a cabo obras que venderon con premura en medios como a do Pavillón do Gatañal que está sufragada con fondos provinciais” denuncian
O Partido Popular de Cangas acusa ao tripartito de “mentir” e manter Cangas “paralizada” pola falta de xestión do actual equipo de goberno. “Teñen un orzamento prorrogado por un importe récord, de case 20 millóns de euros, pero os únicos investimentos que se realizan no noso municipio son grazas á Deputación de Pontevedra” reflexionan. “Onde meten os cartos?” cuestionan, “porque na nosa vila desde logo, non” engaden.
Nesta liña, recordan que “o BNG e os seus socios decidiron este ano recortar o 1,1 millóns iniciais, que correspondían a Cangas do Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra, a 900.000 euros para poñer menos cartos nos investimentos”. “Con todo, foron incapaces de levalos a cabo aínda xa que aínda non teñen proxecto” continúan. “En lugar de anunciar proxectos para planes extraordinarios que non existen, polo momento, o que deberían facer e traballar e gastar o que xa teñen concedido”.
Para os populares o actual equipo de goberno mantén o municipio “bloqueado”. Ilustran esta acusación co acontecido coa reforma do Pavillón do Gatañal, “unha obra financiada pola Deputación e que, a pesar de ser anunciada, co bombo propio dos actuais responsables municipais, para ser feita este ano e que non verá a luz polo retraso do Goberno local en licitar a obra” explican. “Un novo despropósito que, lamentablemente, vén sendo a tónica xeral nos últimos anos en Cangas”.
Por outra banda, sinalan que “falan do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas Provincial cando tampouco foron quen de adxudicar os 240.000 euros deste ano que ían a servir para mellorar a piscina”. Outra actuación na que existía o compromiso de executala este mesmo ano, “algo que xa non será posible” indican. Incumprimentos que chegan tamén ao campo no que xoga o Alondras C.F., “que tampoco ten o céspede que eles mesmos prometeron e venderon que estaría listo este ano” lembras. “Estes feitos deixan en evidencia que as promesas deste goberno están baleiras” critican. “Este goberno ten demostrado nestes máis de dous anos a súa nula capacidade de traballo para levar a cabo ata as obras que financian outras administracións como a Deputación de Pontevedra”. “Menos anuncios e máis feitos e dilixencia nos asuntos municipais. A veciñanza de Cangas, de seguro, o agradecerá” rematan.