Consideran que precariza este servizo público para licitalo cun contrato por valor de 189.000 euros anuais e que pode alcanzar unha duración de 3 anos
O Partido Popular de Cangas denuncia a decisión xa en firme do Goberno local liderado polo BNG de privatizar o servizo de salvamento en praias, incumprindo os acordos plenarios que defendía a xestión pública do mesmo. A formación critica a política “de feitos consumados” do actual equipo de Goberno “en minoría”. “Son moi asamblearios salvo cando se trata da xestión municipal, diseñando os contratos para esquivar a súa aprobación plenaria e urtando ao máximo órgano do municipio de debater e decidir ao respecto” sinalan.
“Aún resulta máis clarificador que o fagan aqueles que municipalizan de boquilla pero privatizan nos despachos” declaran. Unha decisión que obedece segun eles “aos claros déficits na xestión” dos responsables municipais e que suporá unha maior precarización das condicións laborais dos traballadores e unha merma na calidade do servizo. “Licitan un contrato por valor de 189.000 euros anuais, queremos saber cal foi a cantidade que gastaron finalmente o ano pasado porque de ser inferior. Onde estaría o aforro?” cuestionan.
De acceder as dúas prórrogas estipuladas na licitación, o Concello de Cangas gastará preto de 468.000 euros. Dado o elevado investimento os populares van rexitrar unha batería de preguntas sobre os detalles de como será prestado o servizo este verán. “A empresa utilizará material municipal? Os salarios e descansos serán os mesmos que nas últimas campañas? Cantos profesionais serán contratados? Quen exercerá a coordinación do servizo? Que ratios serán aplicados e baixo que criterios no reparto de socorristas nos distintos areais?” enumeran.
Reunión con ASPOM
O grupo maioritario da Corporación mantivo un encontro con representantes da Asociación de Socorristas Profesionais do Morrazo para abordar este asunto cos cales compartiron a súa preocupación por este “cambio de modelo imposto e ás costas dos profesionais”. “Nun primeiro momento recoñeceron que se trata dunha decisión política, que non segue ningún criterio técnico, o que aínda agrava a irresponsabilidade na que están incurrendo cando se trata da seguridade das persoas” lamentan.
No encontro abordaron as “deficiencias crónicas” do servizo que en moitas ocasións “estiveron reflexadas nas propias auditorías de Adeac así como en informes internos que máis tarde ían cara o caixón para non facer nada” expoñen. Desde ASPOM resaltaron que o modelo da privatización non deu os mellores resultados, atopando exemplos claros nos concellos da contorna “gobernados tamén polo BNG” apuntan os populares, con “merma nos salarios dos socorristas, conflictos operativos e ineficacia na prestación do servizo” destacaron desde a asociación.
“É unha tomadura de pelo que aleguen a reforma laboral, promovida polos mesmos grupo que compoñen o Goberno municipal, para xustificar esta decisión cando o artigo 15.2 do Estatuto dos Traballadores que versa sobre a duración dos contratos sinala a posibilidade de facer contratos por circunstancias da produción ou situacións ocasionais ata un máximo de 90 días, máis do tempo que estivo operativo o servizo estes últimos anos” explican. “Os feitos e os datos matan relato. Mentiron á veciñanza en campaña e o volven a facer desde o Goberno” rematan.