Di que a rexidora «cachondease dos veciños por animar á loita para non perder as urxencias para sempre cando foi ela que asinou a súa marcha co futuro CIS do Morrazo
O grupo municipal do PP de Moaña vén de acusar á alcaldesa, Leticia Santos, de “cachondearse dos veciños” por animalos á loita, á protesta e á manifestación para que o concello non perda as urxencias para sempre, malia que a intención da Xunta é dotalas no novo centro de saúde de Sisalde, cando foi a propia rexedora nacionalista a que asinou que este servizo se marche sen retorno para Cangas tan pronto como abra o futuro Centro Integral de Saúde (CIS) do Morrazo.
“Co dito onte pola alcaldesa na súa homilía dominical na Casa do Mar, o que está pedindo é que os veciños de Moaña se manifesten contra ela, contra a súa xestión e contra a súa decisión de vender para sempre e sen reversión as urxencias do noso concello. E aí si que estamos de acordo, porque máis alá de cuestións organizativas e loxísticas provisionais da sanidade pública no noso concello, o que está claro que nun futuro relativamente próximo quedaremos sen urxencias para sempre pola sinatura de Leticia Santos no convenio do CIS do Morrazo”, manifestou o voceiro municipal, Alfonso Piñeiro.
Os populares lembran a súa “defensa absoluta” do regreso das urxencias para Moaña cando se poña en funcionamento o novo Punto de Atención Continuada (PAC) no centro de saúde de Sisalde, que afronta a fase final das súas obras, xa que iso era o acordado e ademais porque permitirá atendelas en condicións, que era unha cuestión que xa non se podía garantir nas actuais instalacións da Casa do Mar. Pero ademais, o PP cre que, dado que Sisalde é un centro moderno, habería que loitar pola permanencia das citadas urxencias neste PAC “e non como fixo a alcaldesa que, á mínima de cambio, asinou unha traizón ao pobo de Moaña”.
“Non entendemos porque para a rexedora este servizo non pode atenderse en Cangas agora mesmo, pero si considera bo perdelo pola súa exclusiva responsabilidade cando abra o CIS, que será máis pronto que tarde, porque 3 ou 4 anos voan. En definitiva, os prexudicados serán os moañeses e os culpables, Leticia Santos e o BNG”, sinalou o concelleiro.
“A alcaldesa vive nunha contradicción en un sensentido permanente e, de tanto falar, xa non sabe nin o que di, porque sostén unha cousa e a contraria. Primeiro pedía as urxencias para Casa do Mar e recentemente admitíu que non solicitaba iso, senón que foran a Sisalde, co cal non sabemos porque leva manifestándose todo este tempo xa que ese edificio non está acabado. Pero en todo caso, cando vaian para o novo PAC será, tristemente, por pouco tempo porque traizoou e vendeu a Moaña”, concluíu o voceiro popular.