O Pleno da Corporación celebrado este xoves abordou nun dos seus puntos unha moción presentada polo BNG sobre a actualización do rueiro, que foi aprobada por unanimidade. O concelleiro do PP Pablo Novas explicou no Pleno que é “moi importante que exista un posicionamento unánime da Corporación nun traballo que é moi amplo, que ten moitas fases e que vincula e vai vincular a varias lexislaturas”.
Novas explicou as distintas fases que se levaron a cabo xa con respecto á actualización do rueiro, a primeira delas con participación da veciñaza para recoller toda a microtoponimia núcleo a núcleo e lugar. Isto realizouse no que se coñece como Distrito 3, “que abrangue as parroquias de Seixo, Ardán e Santomé”. Nesta zona elaborouse un inventario no que poder adaptar ao PXOM a nova numeración.
Nestes momentos, despois de todo ese traballo de campo, son agora os departamentos técnicos municipais de Informática, Tesourería e do Padrón os que se atopan encaixando os ficheiros coas diferentes bases de datos existentes, “algo que non é nada sinxelo a nivel informático e que está sendo farragoso, pero non por iso vai deixar de facerse”.
Tal e como indicou Novas, estas bases correspóndense ao propio padrón, aos datos da auga, lixo e saneamento, e ás do IBI. “O traballo de fusión das tres require primeiro pulir todos os erros que existen para non seguir arrastrándoos no futuro, que é o obxectivo final de todo este traballo, ademáis do toponímico”.
O concelleiro tamén avanzou que este ano firmouse un convenio coa Deputación de Pontevedra para ter un censo de vivendas cun código único adaptado á referencia catastral.