O Pleno da Corporación deu luz verde onte á adxudicación definitiva do servizo de recollida de residuos urbanos para os próximos 10 anos. Tras a aprobación inicial do Pleno anterior, requeríuselle ás 2 empresas, Urbaser, polo lote 1, e Arroupa, polo lote 2, a presentación da documentación necesaria.
Así o fixeron, polo que púidose declarar válida a licitación e adxudicarlles os contratos para a súa formalización, algo que lles foi notificado ao resto de licitadores. Agora, ábrese un prazo de 15 días hábiles para a posible presentación de alegacións.
Tal e como expuxo a concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, “este é un servizo fundamental para o noso Concello e de gran impacto na cidadanía. O lote 1 é por 10 anos así que afectará aos seguintes 3 mandatos e por iso debe ser un compromiso a longo prazo”.
Sanmartín quixo agradecer o traballo técnico da Alcaldía, a Mesa de Contratación e ao resto de departamentos técnicos a súa implicación no desenvolvemento do contrato, e referiuse “dunha maneira moi especial” aos traballadores, “pola súa paciencia e por non ter xogado a chantaxes e respetar con lealdade á cidadanía ao longo de todos estes anos, priorizando sempre a negociación á hora de establecer as súas condicións laborais e non comprometendo nunca o servizo, que a quen ao final afecta de forma directa é aos veciños e veciñas de Marín”, rematou.
Este é un dos contratos máis elevados do Concello, cun custe total de 17 millóns de euros, e que imprimirá importantes melloras ao servizo:
- Un aumento de case un 35% da capacidade mínima de recollida entre os colectores de todas as fraccións, chegando a case 4 millóns de litros.
- A inclusión nas illas do colector marrón, que serve para recoller en exclusiva os residuos orgánicos, deixando o clásico colector verde para a fracción resto, favorecendo unha recollida cada vez máis selectiva e que permita seguir traballando nun Marín máis verde e medioambientalmente sostible.
- Mantemento da recollida específica de enseres, que seguirá funcionando como até o de agora
- Dotación dun novo Punto Limpo Móbil, que se irá desprazando por distintos puntos do municipio e que facilitará a reciclaxe dos residuos que deben depositarse no mesmo (pilas, móbiles, baterías, cartuchos de tinta, cápsulas de café…, entre outros moitos exemplos).
- Instalación de tres novos colectores de 30 metros cúbicos para o uso das brigadas municipais e o mantemento dos colectores soterrados da Rúa do Sol.
- Aumento do número de colectores e dos horarios de recollida, incluíndo os domingos no centro urbano.
- Aumento do 22% do salario dos traballadores

