O Pladiga 2023 inclúe unha unidade especializada en grandes incendios forestais

Este equipo, cuxa composición dependerá das características do lume, estará apoiado por tres novas brigadas públicas helitransportadas operativas todo o ano

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) para este ano 2023 inclúe múltiples melloras en catro grandes ámbitos: prevención; detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; extinción e formación co principal obxectivo de reducir ao máximo posible as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais. Entre as novidades máis destacadas está a creación dunha unidade de directores de extinción especializada en grandes incendios forestais, tres novas brigadas públicas helitransportadas, a ampliación da rede de videovixilancia forestal, a incorporación de melloras tecnolóxicas, a actualización das parroquias de alta actividade incendiaria e o reforzo do Plan de formación.

Directores de extinción

A unidade de directores está enfocada para lumes con serio risco de converterse en grandes incendios forestais e estará composta por persoal de diferentes categorías, desde técnicos, axentes, bombeiros forestais ou emisoristas, entre outros. Dependerá da Dirección Xeral de Defensa do Monte aínda que poderán ser mobilizados polo Centro de Coordinación Central de Incendios. Nacerá cun equipo mínimo de dous integrantes, un deles con facultades para dirixir a extinción á súa chegada ao lume, aínda que as características do incendio e a súa categoría serán os que determinen cantos membros debe de ter esta unidade en cada momento.

Helicóptero para a extinción de incendios forestais na base preparado para actuar.

Brigadas helitransportadas e medios materiais

Así, Barco de Valdeorras, Xurés (Muiños) e Queimadelos (Mondariz) serán as bases que inclúan tres novas brigadas públicas helitransportadas, que se sumarán ás de Marroxo (Montorte), Campiño (Pontevedra) e Vilamaior (Verín) que hai actualmente. Estas brigadas servirán como apoio fundamental á unidade de directores para dispoñer de medios e persoal de extinción durante todo o ano.

Tamén recibirán un reforzo en material a través da compra de 15 motobombas e de 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer. Un equipamento que podería ampliarse, ademais, coa compra doutros tres vehículos motobombas e de dous batracios se así se requirise.

O Pladiga recolle a mellora de material para facer fronte os incendios forestais na comunidade.

Videovixilancia

O Pladiga 2023 tamén inclúe unha aposta pola vixilancia fixa coa adquisición de cinco novas cámaras de última xeración para instalar en dúas novas localizacións, alcanzando así as 153 unidades para a cobertura de 76 puntos. Unha mellora que se suma á compra de novos terminais de altas prestacións e amplas capacidades de procesamento para distribuír a última versión de XeoCode, unha ferramenta de información e incorporación de datos básico relativos ao momento de inicio e avance das chamas, fotografías xeorreferenciadas, perímetro e todos aqueles datos que poidan ser de interese.

Ademais, despregarase unha nova aplicación web que facilitará a xestión, supervisión e controis dos lotes de maquinaria pesada propia e contratada. E para permitir unha maior coordinación durante a extinción, actualizaranse os persoais dos portófonos e mobilófonos Tetra nas emisoras dos técnicos forestais e axentes ambientais mediante a incorporación de canles de intercomunicación con outros dispositivos que usan tamén este sistema (061, 112, bombeiros ou policía).

Actividade de prevención e defensa contra os incendios forestales de Galicia

Formación e prevención

Este Pladiga 2023 dá continuidade ao Plan de formación 2021-2024 e recolle un incremento do 43 por cento respecto ao ano pasado en programas que permitirán reforzar a profesionalización dos efectivos de todas as categorías e preparalos para que poidan acreditar as súas capacidades mediantes os certificados de profesionalidade relacionados cos incendios forestais. Con este fin pásase de 400.000 euros en 2022 a 700.000 para este exercicio no que se prevén impartir 33 cursos en 602 edicións con aproximadamente 13.444 prazas dispoñibles, case o cuádruplo das do anterior Pladiga.

En materia de seguridade laboral tamén se van a desenvolver diversas iniciativas enfocadas na actualización de coñecementos, adestramento do servizo para perfeccionar a organización e a eficiencia no traballo, o manexo de equipamentos de traballo como os equipos de comunicación e cos cada vez máis habituais grandes incendios de interface.

A limpeza dos montes é fundamental na prevención dos incendios forestais.

En canto ao Plan preventivo, a Xunta incrementa nun 17 por cento o orzamento (38,8 millóns) para previr os lumes forestais. Prevé actuar en 60.000 hectáreas de terreo e 5.600 km de pistas forestais e en case 4.840 puntos de auga, creando outros novos e mantendo os actuais. E como o máis adecuado é previlo para que non se produza, a idea é continuar coa concienciación da poboación nas áreas rurais para que aprendan a autoprotegerse, a colaborar cos equipos contraincendios e a identificar aos causantes do lume. Prevén impartir como mínimo 40 charlas dirixidas á poboación das parroquias de alta actividade incendiaria que este ano son 40 fronte ás 35 do ano pasado. 26 repiten, 14 entran na nova listaxe do Pladiga 2023 e 10 saen del.

Concretamente, as novas parroquias que entran son as de Ribasieira (Porto do Son), Quins (Melón), Padrenda (Padrenda), Casaio (Carballeda de Valdeorras), A Xironda (Cualedro), Chaguazoso (A Mezquita), Oímbra e A Granxa (Oímbra), Grixoa (Viana do Bolo), Vilamaior da Boullosa (Baltar), Prado de Limia (Muíños), Mourentán (Arbo), San Salvador de Budiño (O Porriño) e Saiar (Caldas de Reis). Mentres, saen do listado a do Pindo (Carnota), Ourense (Ourense), Paradela (Manzaneda), San Millao (Cualedro), A Esculqueira (A Mezquita), A Fraga (Lobeira), San Paio de Araúxo e Río Caldo (Lobios), Guillamil (Rairiz de Veiga) e Rebordechau (Vilar de Barrio).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *