Exterior da piscina municipal da Balea.

«A recente caída dunha parte do falso teito da piscina municipal durante esta fin de semana pon en evidencia o elevado risco existente non só neste elemento, senón no conxunto da cuberta da
instalación», advirten dende Alternativa dos Veciños de Cangas (AV) respecto ao derrubamento de parte do falso teito dos vestiarios femininos da piscina municipal da Balea.

Dende a formación que representa a exalcaldesa Victoria Portas lembran que durante o mandato anterior «se encargou un proxecto para a recuperación e rehabilitación integral da piscina municipal». Este plan estruturábase en distintas fases, priorizándose nunha primeira etapa a recuperación da praia da piscina, por considerarse o investimento máis urxente e asumible desde o punto de vista económico. Nunha fase posterior xa se contemplaba a intervención sobre a cuberta, «elemento esencial para garantir a vida útil, a operatividade e a seguridade da instalación». Porén, «tras case tres anos de inacción por parte do actual goberno municipal, non se levou a cabo ningunha actuación neste ámbito, o que incrementa de maneira evidente o risco existente».

Desde Alternativa dos Veciños subliñan que «non estamos ante un problema puntual de deshumidificación, como afirmou a alcaldesa, senón ante unha situación que require unha intervención estrutural en profundidade». Neste sentido, engaden, consideramos «imprescindible» a redacción dun proxecto reformado para a reparación da cuberta, tal e como xa recomendara no seu momento o técnico director das obras da primeira fase da rehabilitación.

Finalmente, Alternativa dos Veciños esixirá que se cumpra de inmediato o acordo plenario que aprobou que a xestión da piscina se leve a cabo mediante unha empresa pública, dando así cumprimento á sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que establece que o actual contrato debe
quedar sen efecto.

En segundo lugar, esixen a «avaliación inmediata do estado estructural da cuberta e a adopción das medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas usuarias e do persoal».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *