O concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o organizador Aarón González, do Team Thunder.

Marín acollerá o maior campionato de boxeo olímpico celebrado ata agora en España, cun total de 560 inscricións, 400 combates e representación de países como Portugal e Canadá

O Concello de Marín converterase os días 1, 2 e 3 de maio nun auténtico epicentro do boxeo olímpico internacional coa celebración do Open Villa de Marín de Boxeo, un torneo que terá lugar no pavillón do colexio SEI San Narciso e que reunirá a máis de 500 deportistas nacionais e internacionais, e que foi presentado hoxe polo concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e o organizador Aarón González, do Team Thunder.

Con 560 inscricións confirmadas en todas as categorías —desde deporte escolar ata a categoría élite—, o Open será o evento máis grande da historia do boxeo en España en canto a participación e situarase entre os cinco máis importantes de Europa.

Durante os tres días de competición, desputaranse arredor de 400 combates nun horario intensivo de 10:00 a 21:30 horas, cun descanso para almorzar entre as 14:00 e as 15:30 horas. O evento contará cunha infraestrutura organizativa sen precedentes, con 25 árbitros, 200 adestradores e entre 20 e 30 persoas implicadas na loxística e coordinación.

O torneo contará coa presenza de deportistas de España, Portugal e Canadá, entre outros, e entre os que destaca a campioa nacional canadense, e atraerá a unha media de 800 persoas de público cada día, consolidando así a Marín como un referente no ámbito do deporte de contacto.

O campionato será ademais retransmitido en directo a través da canle de YouTube do club organizador, «Team Thunder», permitindo que o espectáculo chegue a milleiros de afeccionados de todo o mundo.

“Desde o Concello de Marín animamos á veciñanza a participar e desfrutar dun evento deportivo de primeiro nivel, que ademais reforza o compromiso institucional co deporte base e coa proxección internacional do noso municipio”, declarou o concelleiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *