A alcaldesa, María Ramallo, achegouse a realizar unha visita a pé de obra coa empresa para repasar os avances despois do parón do sector durante o Nadal
Tras o parón das empresas polo Nadal, esta semana retomáronse os traballos de execución da humanización do entorno da dársena portuaria, que permitirá crear un paseo continuo, seguro e verde desde Praza de España ata o Paseo Alcalde Blanco.
Máis verde, bancos e mobiliario para descansar e gozar do entorno marítimo. Iso será o que se irá colocando unha vez sexa posible realizar o formigonado. A actuación completarase coa colocación dunhas letras corpóreas de Marín.

A alcaldesa, María Ramallo e a concelleira Marián Sanmartín achegáronse a pé de obra xunto cos responsables da empresa para comprobar o avance dos traballos. Ramallo explicou que “nestes momentos estamos barallando xunto coa empresa cal pode ser o material máis axeitado para unhas letras que están chamadas a converterse nun punto emblemático da vila”.
“Este proxecto é unha das nosas apostas fi rmes pola recuperación de toda a zona que conecta a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco,” explicou a alcaldesa, que lembrou que antes de actuar nela, “a lámina de auga presentaba un estado descuidado, coa presenza de neumáticos, fondeos, amarres e restos de obra, como cascotes, ladrillos e bloques de construción. “Agora xa é evidente a limpeza da auga e do fondo”, expresou Ramallo, “e toca seguir coa integración do entorno, que estará lista cara o mes de marzo”.
A rexedora lembra, ademais, que tanto a inversión na lámina de auga como desta mellora urbana “supoñen 0 euros de gasto para o Concello, xa que todo está financiado a través do Plan de Sostibilidade Turística, do que conseguimos unha ampliación de 300.000 euros”.

