A concelleira coa organización presentando o cartel.

O evento presentouse esta mañá na Praza 8 de Marzo e contará con proxeccións, un showcooking e a entrega dos premios que se presentaron ao certame

Representantes do Museo do Mar de Marín xunto coa concelleira Marián Sanmartín presentaron esta mañá na Praza 8 de Marzo o programa do II Festival Cine do Mar, que terá lugar entre o 24 e o 29 de xuño en Marín, nunha edición que será máis internacional, coa participación de filmes de diversos países e
continentes.

A inauguración terá lugar o día 24 no Cine Seixo, coa proxección do filme “Prefiro condenarme”, de Margarita Ledo, e na que se lle concederá o premio honorífico do festival a esta destacada cineasta. O día 25 terá lugar a Sección Ensino, coa proxección das 13 obras de diversos centros de Primaria e Secundaria das provincias de Pontevedra e A Coruña. Os días 26 e 27 proxectaranse as obras finalistas da Sección Oficial: 10 filmes de
diversas nacionalidades e nas que o público asistente poderá votar para decidir o premio do público.

A clausura será o día 28 coa proxección ao aire libre de “O Corno”, de Jaione Camborda, no Parque Azul. Cabe mencionar as seccións paralelas: Sección Muller, Sección Cambio Climático, Sección Outros Mares, Sección Patagonia, Sección Mares Da Fin Do Mundo e Sección Fronteiras no mar. Proxectaranse algúns dos mellores filmes recibidos nesta edición, fóra de competición, de diversa temática, pero co mar como fío condutor. Como novidade, as proxeccións estenderanse ás mañás e ás noites, coa creación das “sesións golfas”, para poder darlles cabida.

As novidades máis relevantes deste ano son as actividades paralelas. Hai que destacar a “Xuntanza mariñeira”, organizada pola asociación Grupo Cultural Ronsel, un encontro de embarcacións tradicionais que terá lugar durante a xornada do día 29 na antiga dársena portuaria. Tamén haberá un showcooking, impartido polo chef marinense Marcos S. Area, do Restaurante É; e unha viaxe á Illa de Tambo, na mañá do día 28. Estas dúas
últimas, serán con inscrición previa no Museo do Mar.

Tamén hai que destacar as mesas redondas, unha delas protagonizada por coñecidos youtubers que traballan no mar; e outra por mariscadoras da Confraría de Vilaboa. E por último, hai que mencionar as 3 exposicións que se poderán contemplar: “As mulleres na pesca: traballo invisible, pero esencial”, “Os oficios do mar“ e as obras finalistas do I Certame de Fotografía de Mar.

Por último, sinalar que na gala de clausura do día 28, entregaranse os premios outorgados polo xurado, formado por Margarita Ledo, Álvaro Gago e Ángel Santos, así como o premio do público. Os premios repartidos serán: a Sardiña de Ouro, o Rodaballo de Ouro e o Polbo de Ouro, ademais dos premios do I Certame de Fotografía de Mar, que tamén organizou o Museo do Mar. Posteriormente, proxectaranse as obras que resulten premiadas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *