Bueu mergullarase na sétima arte entre os días 11 e 24 de setembro coa celebración da XV edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu), un certame que forma parte da marca provincial Rías Baixas Film Fest e que levará ao Centro Social do Mar máis de 100 curtametraxes. Así o anunciaron hoxe a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a deputada de Cultura, Victoria Alonso, o director do FICBueu, Manuel Pena, o alcalde de Bueu, Félix Juncal, o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, e o director de Agadic, Jacobo Sutil, quen acudiron á presentación do evento. Esta nova edición do FICBueu outorgará o Premio Cinema Galego ao actor Miguel de Lira e contará con pezas internacionais, nacionais e galegas ou outras pezas dedicadas ao público infantil ou xuvenil. Como novidade o festival incorporará unhas xornadas cinematográficas e a programación completarase con actividades paralelas como coloquios, programas de radio ou un mercado.
Carmela Silva asegurou que está “desexando que sexa 11 de setembro para que
comece o FICBUEU e este concello se vista coas mellores galas do cinema”. A
presidenta provincial destacou a aposta deste festival “pola calidade” e polas
mulleres na súa dirección e tamén puxo en valor a duración do certame que nesta
XV edición, “unha cifra máxica”, pasa dunha semana a dúas. “Poucos festivais de
cinema teñen unha programación tan longa, e de tanta calidade, algo que tamén o
identifica e referencia e que supón un enorme esforzo”. Carmela Silva tamén
mencionou a importancia de que todas as administracións participen financiando
e cofinanciando o FICBUEU e fixo un recoñecemento aos sectores privados que
tamén apoian o festival, “unha tradición bastante habitual na Galicia do século XX
e que agora ten empresas herdeiras daquelas que apostaban pola cultura”.
Na súa intervención a presidenta tamén puxo o foco na importancia do cinema,
unha disciplina que “ten aportado moito ao sector cultural ao ter unha capacidade
transformadora de crear pensamento”. E neste sentido “un dos atractivos que ten
o FICBueu é a aposta por facer chegar un cinema de calidade á sociedade que
doutra forma non chegaría. A sociedade só avanza cando cambia e sae dos
lugares de confort e por iso este festival muda cada ano”. Ademais, resaltou que o
festival se celebra nun concello “moi fermoso, con grandes valores paisaxísticos,
con actividade vinculada ao mar e que leva moito tempo apostando pola cultura”.
Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou que o festival
“representa o colofón a un verán cada vez máis intenso, con moitas actividades
nas que participa a Deputación de Pontevedra. O FICBueu fainos mudar o paso e
lévanos cunha maior tranquilidade a un momento fermoso e máis íntimo”.