O Entroido de Cobres este sábado.

O esceario instalado dentro da carpa en Riomaior alcanza nesta edición os 35 metros para dar cabida a un centenar de madamas e galáns e ao elenco musical

O sol asomou esta mañá coma quen sabe que hoxe é un día especial, iluminando a saída da comitiva do Entroido de Cobres, que ás dez en punto comezou a levar polas rúas a súa danza antiga, esa que esperta lembranzas e fai vibrar á veciñanza. As melodías espalláronse polos barrios como un convite á festa que continuará ata o martes 17 na carpa de Riomaior, onde cada tarde, a partir das 19 horas, madamas e galáns abrirán paso á verbena e ao reencontro.

Este ano, a emoción é maior ca nunca. A comitiva medra e fortalécese: regresan parellas que tiveron que interromper a súa participación e súmanse novas persoas que queren formar parte desta tradición que se transmite de xeración en xeración. Son xa 46 parellas, cerca dun centenar de bailaríns acompañados polos músicos da agrupación de Aires de Cobres, enchendo de vida un espectáculo que non deixa indiferente.

A Asociación Cultural Cobres redobra esforzos para acoller esta participación extraordinaria, cunha carpa máis ampla e un escenario de 35 metros que permitirá lucir un dos entroidos máis singulares da provincia de Pontevedra, un entroido que non se contempla: vívese.

Co fin de facilitar o acceso á carpa e garantir unha chegada cómoda para todas as persoas que se acheguen, habilitaranse varias zonas de estacionamento nas proximidades do recinto. A organización pide que se sigan as indicacións do persoal voluntario para asegurar unha circulación fluída e un ambiente seguro durante toda a celebración.

Concello e Asociación convidan á veciñanza a achegarse cada tarde á carpa para compartir esta celebración que permanece intacta no seu espírito. Os bailes polos barrios dependerán da choiva, pero, como lembraba Jacobo Lusquiños, un dos galáns máis veteranos de Cobres, na súa visita ao CESMAV, as portas das casas seguirán abríndose, como sempre fixeron, para recibir a madamas e galáns. Nas adegas e nos baixos, entre viandas, risas e recordos, renóvase cada ano a esencia do Entroido de Cobres: a convivencia, a alegría e a certeza de que esta tradición segue viva porque a súa xente a protexe como un tesouro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *