A programación incluirá propostas como festivais e actuacións de comparsas, actividades para a cativada, filloadas, festas de disfraces e os tradicionais desfiles do Enterriño da Sardiña e do Paxaro de Mal Agoiro
O Concello de Bueu organiza un extenso e variado programa de actividades para celebrar o Entroido na vila, con propostas que combinan a tradición e a modernidade e que se destinan a todos os públicos. Carmen García, concelleira de cultura, presentou este venres a programación en rolda de prensa, acompañada de representantes das comparsas da vila e das asociacións que participan nesta gran festa que se estenderá do 12 ao 28 de febreiro. Neste sentido, a edil destacou que teremos “múltiples actividades para que todas as idades poidan gozar do Entroido nos diversos lugares, e coa colaboración dos colectivos e das comparsas”.
Como previa, o xoves 12 de febreiro terá lugar ás 19 horas no Estaleiro de Purro unha proxección audiovisual sobre o Entroido de Bueu da man da Asociación Veciñal da Banda do Río.
O programa arrancará o venres 13 de febreiro, cun pregón de inicio de Entroido a cargo das comparsas da vila, que será ás 20 horas diante da Casa do Concello. Precisamente, estas agrupacións seguirán sendo as grandes protagonistas do Entroido e por iso están programadas varias actuacións e festivais nos que o público asistente poderá gozar da música e das tradicionais “letrillas” de Vou nun bou, Os do Pinsel, Os Mulos, Tinta Femia, Os Kantaclaro As Faltriqueiras.
Ao día seguinte, da man da Asociación Cultural Costumes de Cela e o Concello, haberá unha festa infantil no Adro da parroquia a partir das 16 horas, para dar paso logo ao VI Festival de Comparsas de Cela a partir das 18 horas. Pola noite, a partir das 23 horas, a carpa de As Lagoas acollerá unha festa de disfraces coa actuación de DJ Moe.
O domingo, a Asociación Veciñal da Banda do Río organizará unha filloada e un concurso de sobremesas de Entroido na contorna do Estaleiro de Purro a partir das 17 horas.
Os máis pequenos e pequenas poderán participar nos obradoiros de Entroido que se desenvolverán o luns, martes e mércores desa semana entre as 11 e as 13 horas na carpa de As Lagoas, e nos que o artista local Tino Resille realizará diversos xogos e actividades para vincular á cativada coa tradición do Paxaro de Mal Agoiro. Poderán participar nenos e nenas de idades comprendidas entre os 7 e os 12 anos.
O salón de plenos da Casa do Concello acollerá o luns 15 a homenaxe a Xosé Diz, fundador da comparsa Os Mulos e compositor da mítica canción de “Falemos galego”, ao que se recoñecerá pola súa contribución ao mantemento do Entroido na vila. Será ás 20 horas e tamén actuará a comparsa d’Os Mulos.
O martes é a quenda da X Filloada de Meiro, que organizan a Asociación Veciñal A Morada e o Concello de Bueu a partir das 16 horas. Neste evento haberá xogos populares e poderanse degustar as tradicionais filloas. Ao remate, polas 20.30 horas, arrancará o festival de comparsas como é habitual.
O mércores 18 de febreiro será o Desfile do Enterriño da Sardiña, que sairá ás 17 horas dende a Praza Massó e no que participarán os colectivos infantís da vila e as asociacións de nais e pais. Debido ao éxito dos últimos anos, o desfile estará acompañado por unha sardiña xigante elaborada con globos da man de Barafunda.
O venres ás 21.00 horas, o Centro Social do Mar vibrará coa música das comparsas no XLIII Festival de Comparsas a prol do Bueu Atlético Balonmán. As entradas estarán á venda dende o 10 de febreiro nas librarías da vila.
O sábado organizarase unha festa infantil de disfraces na carpa de As Lagoas, na que se contará con persoal especializado en necesidades especiais. A partir das 16.30 horas haberá xogos, música, ambientación e un concurso infantil. A continuación, arredor das 20 horas, as comparsas actuarán na carpa, e despois terá lugar unha festa de disfraces con La Duendeneta. O domingo desenvolverase o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro a partir das 17 horas polas rúas da vila coa queima na praia da Banda do Río.
A seguinte semana, a festa comezará o venres 27 ás 21 horas co Festival de Comparsas do Bueu Atlético Balonmán que terá lugar na Casa do Pobo de Beluso, e ao día seguinte, ás 20 horas, as comparsas organizarán outro no Centro Social do Mar, co que se porá remate ao Entroido de Bueu 2026.
Os Desfiles de Entroido e os premios
Como cada ano, o Entroido de Bueu celebra os tradicionais desfiles. O do Enterro da Sardiña será o mércores 18 de febreiro a partir das 17 horas con saída dende a Praza Massó e nel participan os colectivos infantís da vila. Pola súa banda, o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, encherá de cor as rúas da vila o domingo 22, á mesma hora, cun gran desfile e a tradicional queima do paxaro na praia da Banda do Río, que coma nos últimos anos é elaborado polo artista Tino Resille.
Precisamente, o Concello ten aberto o prazo de inscrición para os premios de Entroido, nos que se repartirán 6.500 € entre todas as categorías, polo que as persoas e colectivos interesados en participar poderán anotarse e participar. As bases completas e a solicitude de inscrición poden consultarse na páxina web.

