Xa se coñece o nome da persoa gañadora da novena edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia, que se celebrou na noite do martes 24 de xuño no Auditorio Municipal de Cangas. O texto premiado é “Superego te absolvo”, do dramaturgo David Gus, e foi interpretado sobre o escenario polos actores Sergio Macías e Sergio Alfonso.
Neste IX Torneo competían tamén os textos “As Carolinas”, de Iván Caloto e interpretado por
Mundo Villalustre e Roberto Leal; “Comendo terra”, da dramaturga Marta Lado e coas actrices
Casilda Alfaro e Sonia Rúa na interpretación; e “Divina-mente”, da autora Amantia Coello e
interpretado por Iria Piñeiro e Graciela Carlos. Un ano máis, Esther Carrodeguas fixo de mestra
de cerimonias deste combate entre dramaturgos e dramaturgas baténdose na procura do voto
do público.
David Gus, nacido en 1980 en Vigo, é titulado en Arte Dramática nas ramas de dirección e de
dramaturxia. Actor, monologuista, director, dramaturgo e profesor de teatro, Gus é cofundador
de compañía Teatro Lope de Vigo xunto con Julián Rodríguez e Marta Lado. Ten no seu haber
numerosas obras como actor ou autor como ‘A Illa de Rubik’, ‘Vaya par de dos’ e ‘Vaya par de
tres’, ‘A-Lia-2’ (Coautoría con Eva Abal) e ‘A-Lia-2 2.0’ (Coautoría con Déborah Vukusic),
‘Madame Julie’, ‘Paradoxo’, ‘Homelet’ ou ‘Unha nova odisea’, entre moitas outras.
O Torneo de Dramaturxia de Galicia é unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa
dramaturxia, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en
Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación
profesional da dramaturxia galega. Os torneos de dramaturxia son unha idea orixinal de Jordi
Casanovas desenvolvida conxuntamente co Festival Internacional Temporada Alta de Girona.