A última reunión mantida a última hora de onte na Casa da Cultura entre os representantes dos catro partidos de esquerda (BNG-PSdeG-AV-EU) para conformar un goberno que xestione o Concello de Cangas a partir do próximo sábado 17 de xuño deu un novo paso adiante.
Loli Piñeiro e Manolo Sotelo (EU), Iris Cordeiro e Adrián Pena (AV), Carmela Carrillo e Adrián Pazos (PSdeG), Leonor Gala Torres e Antón Iglesias (BNG) acordaron os principios básicos do programa de goberno, así como as propostas para a Xunta de Goberno e a Comisión Informativa, que será única. É dicir, non haberá unha comisión por área senón unha para ditaminar mocións e propostas antes dos plenos.
Na seguinte reunión, que se celebrará mañá mércores pola tarde, completarán a distribución das áreas de goberno.