Aqueles interesados en que se revise o tellado poden concertar unha cita chamando ao 620 00 28 64
A concelleira de Medio Ambiente de Marín, Marián Sanmartín, informa de que xa está de novo activo o servizo de control poboacional da gaivota patiamarela e da pomba común no casco urbano de Marín. Será a empresa Ingidemont a que se encargue da xestión do servizo.
Con respecto á gaivota, calquer veciño, veciña ou comunidade que queira solicitar de maneira gratuita a revisión do tellado, pode facelo chamando ao 620 00 28 64, en horario de luns a venres, de 08.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Tal e como explican desde a empresa, os métodos que se utilizan para o control poboacional destas especies son incruentos e con métodos avalados pola lexislación medio ambiental. Deste xeito, cando van revisar un tellado, retíranse os niños e no caso de haber crías, lévanse ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre, ubicado en Cerdedo-Cotobade.
No que respecta ás pombas, a súa captura realízase a través de gaiolas, de grandes dimensións e con comedeiros e bebedoiros, que lles permiten aos exemplares capturados estar en correctas condicións vitais até que os operarios acuden na súa busca. As pombas son levadas despois a un núcleo zoolóxico autorizado, no que son examinadas para comprobar o seu estado de saúde e posteriormente son liberadas lonxe dos núcleos urbanos.
A empresa realizará esta semana un censo poboacional inicial de ambas especies por parte dun biólogo experto e despois, ao finalizar a tempada, realizarase outro censo para comprobar o cambio en ambos casos.