O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, explicou que este documento é moi relevante porque “rexerá as condicións urbanísticas que aplicarán nestas zonas e que requiren dun tratamento especial para a súa conservación”. As empresas interesadas terán ata o 9 de xaneiro
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, informou de que xa está aberta no Portal de Contratación do Estado a licitación para redactar o Plan Especial de Protección para o casco antigo e para Cantodarea, dúas zonas da nosa vila que, polas súas particularidades, requiren dun especial tratamento a nivel urbanístico para garantir a conservación da súa esencia e do patrimonio.
Tal e como explica Santos, “no PXOM xa se recolle a necesidade de crear este plan especial para estas dúas zonas, co obxectivo de marcar as directrices urbanísticas que permitan desenvolver proxectos nelas”. Xa que, ata o momento, nestes espazos só está permitido conservar e manter o que xa está construído.
O prazo de redacción do plan é de aproximadamente entre 3 e 4 anos, xa que se vai realizando un plantexamento parcela a parcela, e estímase unha inversión necesaria de 300.000 euros para realizar este labor.
O obxectivo final, tal e como indicou o edil, “é poder seguir desenvolvendo urbanísticamente Marín pero sen perder o foco da nosa arquitectura e fisionomía e respectando a tradición urbanística do espazo histórico e dun barrio tan tradicional e mariñeiro como é Cantodarea”.
As empresas que estean interesadas poderán presentarse á licitación ata o 9 de xaneiro.