Os concelleiros Novas e Estévez e o xefe da Policía Local reuníronse con Acemas para abordar esta cuestión despois do fatal accidente do domingo. Pedirase reforzar a seguridade da vía, que está en bo estado, coa instalación dalgún redutor da velocidade e a limitación máxima a 30 km/h entre San Blas e a baixada a Loira
Os concelleiros Pablo Novas e Francisco Estévez; o xefe da Policía Local de Marín, Benigno Blanco, e o representante da asociación ACEMAS, Manuel Solla, mantiveron esta mañá unha reunión no Concello para abordar as preocupacións da veciñanza sobre a seguridade viaria na PO-551 ao seu paso por Seixo, despois do terrible accidente acontecido este domingo, no que un motorista atropelou gravemente a unha muller.
Durante a reunión, o representante dos comerciantes puxo enriba da mesa a preocupación da veciñanza da zona, debido en xeral ás infraccións en materia de velocidade que cometen moitos conductores, tanto de coches como de motocicletas, e que poñen en risco aos peóns, nunha zona moi céntrica da parroquia e, polo tanto, con moito tránsito.
Desde o Goberno local, explicouse que xa se solicitou no verán a cesión dun radar temporal, que esperan que se reciba nas próximas semanas, e que se utilizará nesa zona, así como noutras do municipio nas que se detectan este tipo de infraccións.
Pero a maiores, o concelleiro de Mobilidade asegurou que se solicitará á Consellería de Infraestruturas, que é a titular da vía, unha serie de medidas que contribúan a aumentar aínda máis o calmado do tráfico. A estrada atópase en bo estado, sinalizada coa limitación de velocidade e con pasos de cebra con boa visibilidade, pero aínda así “trataremos de acometer máis medidas porque está claro que se trata dun punto onde non se respecta a velocidade máxima”.
Así, pediranse badenes redutores de velocidade nalgúns pasos de peóns, “nos que se considere por parte dos técnicos que poden ser máis necesarios e efectivos”, e solicitarase reducir a 30 km/h a velocidade máxima no tramo entre San Blas a e a intersección coa baixada cara Loira.
Estévez tamén agradeceu á comunidade veciñal da zona as súas aportacións, que realizaron a través dun informe presentado por sede e que foi estudado pola Policía Local e o Concello. Entre as medidas que recollían como posibles disuasorias da velocidade, está a instalación dun semáforo que cambia a vermello no caso de detectar unha velocidade inadecuada, pero o concelleiro lembra “que xa existiu no cruce cara Santomé pero non funcionaba ben”.
Finalmente, o edil lembrou que en materia de seguridade viaria da PO-551 existe tamén unha solicitude de Monbus para crear unha parada á altura de Abanca, fronte á farmacia, para evitar problemas de visibilidade e de conxestión do tráfico que se están a dar na actualidade cando o autobús recolle ás persoas usuarias nese punto.