Os concelleiros Pablo Novas e Marián Sanmartín explicaron que o proxecto do seguinte tramo no que se actuará está adaptándose aos actuais prezos do mercado para poder licitalo de novo e executalo ao longo do primeiro semestre de 2024
O concelleiro Pablo Novas e a concelleira Marián Sanmartín convocaron onte unha reunión coa veciñanza de Pedreiras de Abaixo para “trasladarlle de primeira man toda a información sobre as obras de humanización” que hai proxectadas na zona e que, como está a acontecer en todos os concellos, víronse afectadas pola brutal suba de prezos dos últimos tempos.
Tal e como expuxeron os edís, a obra saiu a licitación no seu día por 237.695,55 euros. “A única empresa que se presentou para levar adiante a obra, renunciou antes de firmar o contrato porque os prezos do proxecto correspondíanse co ano 2020, cando se redactou”, explicaron.
Por iso, neste momento o Goberno local está volcado na adaptación do proxecto á realidade actual dos prezos do mercado. Unha vez estea listo o novo orzamento preciso, “procederemos a licitalo de novo, adxudicalo e así poder iniciar a execución das obras no primeiro semestre de 2024”. A financiación dos traballos volverá ser a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Tal e como xa se actuou na primeira fase deste proxecto, que beneficiou a Pedreiras de Arriba, agora volverase actuar de forma integral, renovando todos os servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público e mellorando a pavimentación e os estándares de accesibilidade.
Os concelleiros aproveitaron a reunión para repasar coa veciñanza “outras cuestións e melloras que nos piden para o barrio, no que temos unha aposta firme con estas inversións”, aseguraron.