Destaca o importante que foi impulsar durante todo o pasado ano o traballo de prevención, coa limpeza das franxas secundarias, que son claves para protexer ás vivendas en caso de incendio forestal
O Concello de Marín púxose en contacto coas Comunidades de Montes da vila tras a reunión a nivel provincial que se mantivo coa Xunta de Galicia, co obxectivo de coordinar esforzos, actualizar medios a disposición cos que se pode contar de cara á extinción de incendios e para facer balance do traballo de prevención que se vén realizando no último ano.
Marín conta cun Plan Municipal de Prevención de Incendios, que funciona a través dun convenio coa Consellería de Medio Rural e de Seaga. Trátase da ferramenta burocrática coa que se controla a xestión de biomasa e a limpeza das franxas secundarias, unha obligación recollida por lei e que supón a forma máis efectiva de manter a salvo as vivendas en caso de incendio forestal.
Estas franxas “deben estar limpas de biomasa, porque son o mellor cortalumes se se dá un incendio”, explicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas. “Retíranse especies arbóreas pirófitas como son o eucalipto, o piñeiro e a acacia”. Durante o pasado ano, enviáronse 2.700 notificacións a propietarios destas franxas (xa que se trata de terreos de titularidade privada e comunal). E a isto súmase o traballo que se fai desde o departamento municipal de Urbanismo, onde se recollen as denuncias feitas por particulares. Destas, xestiónanse en torno a 200 expedientes ao ano, cun nivel de execución do 95%.
“Trátase dun importantísimo labor de prevención e de concienciación”, asegurou a alcaldesa, María Ramallo, que cre que é importante non frear “e manternos máis alerta ca nunca para que se siga facendo esta prevención cando volva ser posible, xa que agora non se aconsella o uso de maquinaria polo risco de incendio”.
Ademais, Novas explica que o sector madereiro está “volcado” con estes traballos, pero que polo volume que é “aínda teñen parcelas contratadas para limpar pero non puideron facelo, pero xa está prevista a súa limpeza”.
Por outra banda, o Concello informa de que a brigada de voluntarios de Protección Civil está facendo batidas a primeira e a última hora do día polos montes da vila, sobre todo para comprobar que non haxa actividades sospeitosas nin posibles artefactos incendiarios.
“Enviaremos á Xunta canto antes a nosa listaxe de medios dispoñibles e seguiremos á súa disposición para o que se precise. E no que respecta á nosa parte como concello, volveremos incidir na importancia de manter estas franxas secundarias limpas. Agora nótase un cambio drástico no alivio da maleza earborado nos perímetros dos núcleos e temos que seguir así, para evitar rebrotes e fomentar a repoboación con especies autóctonas, que será o seguinte paso”.