A Casa de Cultura de Riomaior verá mellorado o seu equipamento audiovisual co investimento de cerca de 12.000 euros na adquisición de equipos de vídeo e de son que garantan a calidade das actividades culturais organizadas neste espazo.
Unha gran pantalla de proxección, un proxector con soporte de teito, potentes autofalantes, sistemas inalámbricos con dous micros de man e outros dous de diadema, unha mesa de misturas de 8 canais e todo o cableado necesario para a súa correcta instalación concentran un investimento que conta co respaldo do plan +Provincia para facer do salón de actos da Casa de Cultura de Riomaior un foro axeitado para a organización de actividades.
O desenvolvemento das diferentes propostas culturais programadas polo Concello no salón de actos de Riomaior vense lastradas polo mal estado do equipamento que agora será sustituído por un sistema moderno e capaz de resolver as necesidades actuais.
César Poza, alcalde e concelleiro de Cultura, considera a adquisición destes novos elementos son un primeiro paso para mellorar a programación cultural de Vilaboa.
“Queremos crear un hábito de participación nas diferentes propostas lúdicas que organizamos aquí e vemos que é necesario renovar e contar cun equipamento de imaxe e de son que contribúa ao disfrute das actuacións”.